Colectivos e grupos políticos tentan consensuar o proxecto da praza

O novo muro da Veracruz esperta vellas polémicas

Muro de formigón na praza do templo, xunto á rúa Vaamonde. (Foto: Martiño Pinal)
O templo parroquial de A Veracruz volta a ser centro de polémica, case medio século despois do remate da súa construcción. As obras de creación dunha gran praza pública na súa parte norte, que financia a Xunta con 1,4 millóns de euros, provocan suspicacias dende a oposición municipal, colectivos, veciños e expertos en arte, polo levantamento dun muro xunto á rúa que leva o nome do promotor da igrexa, o finado párroco Evaristo Vaamonde.
O devandito muro, de formigón, e que acadará unha altura máxima de 3,70 metros, pecha un recinto de 4.000 metros cadrados que ata agora era de fácil acceso. Ademais, esta construcción (que será revestida con pedra) impide a visión do templo dende a citada rúa. 'Mellor que facer iste muro sería adoquinar as rúas colindantes como se fai en calquera praza, para que os viales estean implicados na propia praza e a circulación de vehículos se ralentice', sinala Felipe Senén López, experto na obra de Antonio Palacios, o deseñador de A Veracruz.

Pero a historia da igrexa sempre estivo marcada por diferentes avatares. Primeiro, polos económicos á hora de executar o proxecto de Palacios, que comezou cunha partida de 25.000 pesetas (150 euros, na actualidade) no ano 1943. As donacións dos feligreses e as visitas que fixo don Evaristo Vaamonde á Deputación de Ourense, Arcebispado de Santiago e ó propio xefe do Estado, Francisco Franco, fixeron o resto. Tra-lo falecemento do párroco en 1961, o seu substituto, Francisco Vázquez, levou a cabo unha reforma integral do interior do templo, eliminando elementos orixinais como o acceso de escaleiras o presbiterio e o pavimentado de mármore, que só se conserva agora na xirola que circunda o altar.

Uns cambios que modificaban o proxecto de Palacios e que motivaron críticas dos expertos, nunha época difícil para as reivindicacións que coincidiu co auxe da especulación urbanística na vila do Arenteiro. Así, edificios de máis de sete alturas foron permitidos polas autoridades municipais no contorno de A Veracruz, tapando para sempre a vista dun monumento que foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1993.

Agora, colectivos sociais e grupos políticos tentan buscar un consenso sobre unha praza cuxo deseño nunca foi consultado ós cidadáns da vila carballiñesa.

Respetar a obra

A historia do templo de A Veracruz é un dos temas que o historiador carballiñés Felipe Senén López Gómez investigou a fondo, centrándose sobre todo na figura do arquitecto Antonio Palacios.
Por iso, o agora responsable técnico da área de Cultura da Deputación de A Coruña non entende 'cómo se pode facer un muro para pechar unha igrexa que xa estaba constreñida polos edificios do seu contorno, non ten lóxica e demostra unha ignorancia total por parte dos técnicos e das autoridades que o permiten'.
Neste mesmo sentido, considera 'horrible e unha falta de respeto total á historia de Antonio Palacios o levantar un muro de formigón para logo revestilo de plaquetas, cando él apostaba polos canteiros e o seu corte agresivo da pedra'.

Te puede interesar