Unha obra sobre a Guerra Civil abre o Festival de Teatro

Inversa Teatro abre hoxe o telón do 33 Festival do Teatro Galego Celso Parada (Fetega) coa representación de “O Péndulo”, unha obra de teatro documental que ten como referencia temporal e conceptual a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. 

Unha das singularidades da obra é que este achegamento á historia colectiva faise desde o persoal. Marta Pérez, codramaturga e actriz, traslada a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da Cañiza que foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón.

Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia nun alto de Ponteareas. Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza e única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. María conseguiu salvarse do fusilamento no último momento alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.

A representación será ás 20,00 horas, no Auditorio Manuel María. Previamente, Barafunda actuará nas rúas do Carballiño ofrecendo o espectáculo “A Maruxaina do Arenteiro”, a partir das 11,00 horas.

O festival prolongarase ata o próximo venres. Para o mércores, ademais da animación nas rúas a cargo de Barafunda, está prevista a obra “O Deus do Pop”, de Diego Anido; seguiralle “Rapsofá”, de Xerpo, e o venres doble función, ás 20,00 horas “Home”, de Cou.media, Antón Coucheiro, e ás 22,30 horas, Producións Dispersas porá en escena “Mentres dure a canción”.

A entrada é de 6 euros e o pack para as cinco funcións costa 25 euros. O 20% da recadación destinarase á asociación Aspadisi. O Fetega tamén entregará os premios ao mellor espectáculo escollido polo público e o de honra a Eduardo Rodríguez Cunha.

Te puede interesar