Obradoiro escolar sobre alimentación máis saudable

O Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de concellos do Carballiño pon en marcha un Obradoiro de Alimentación Saudable, cofinanciada esta actividade polo Fondo Social Europeo, e que se levará a cabo con motivo da conmemoración do Día Mundial da Alimentación o pasado 16 de outubro.

Para a conmemoración de dita data, realizarase nos centros educativos dos catro concellos mancomunados: Beariz, Boborás, O Irixo e San Amaro, unha actividade que terá por obxectivo concienciar sobre a importancia de mellorar os hábitos de alimentación, e na que se utilizará unha metodoloxía participativa. O obradoiro será impartido pola nutricionista Adriana Fernández Vidal.

Estas actividades enmárcanse dentro da prevención, ferramenta indispensable dentro do Programa de Educación Familiar para evitar o posible futuro desenvolvemento de condutas pouco adaptativas no ámbito familiar.

O obradoiro comezará o día 3 de novembro no CEIP Eulogio Gómez Franqueira, de San Amaro, entre as 10,00 e as 11,00 horas; e seguirá nesa mesma xornada no CEIP de Beariz, de 12,00 a 13,00 horas. O día 9 será no CEIP Nosa Señora de Xuvencos de Boborás, en dous grupos, entre as 11,00 e as 13,00 horas; e rematará o 21 de novembro no da Virxe da Pena da Sela, en O Irixo, tamén en dous grupos, a partir das 10,00 horas.

Te puede interesar