Once concellos de Carballiño impulsan a ruta cultural do Camiño Nós

Reunión dos membros da Asociación de Concellos Camiño de Nós.
photo_camera Reunión dos membros da Asociación de Concellos Camiño de Nós.

Acordaron xunto coa Deputación e a Insua dos Poetas solicitar o recoñecemento á Xunta

Alcaldes e concelleiros dos municipios integrantes da Asociación de Concellos Camiño de Nós acordaron onte por unanimidade solicitar da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a declaración de itinerario cultural para o Camiño de Nós. Insistiron en que non se trata de reivindicar unha nova ruta Xacobea senón de fundamentar, “a partir dun feito histórico, a idea de país dunha xeración, os de Nós, empeñados en indagar no ser galego, na propia identidade, a través da cultura. Neste caso, a cultura do Camiño”, sinalan.

Asistiron á reunión representantes de Ourense, Amoeiro, Maside, Carballiño, O Irixo, Lalín, Silleda, A Estrada, Vedra, Boqueixón e Santiago, ademais da Deputación de Ourense e a Fundación Insua dos Poetas, convocados pola alcaldesa do Irixo, Susana Iglesias, presidenta da asociación.

O obxectivo da xuntanza foi reivindicar a viaxe a pé realizada por Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sánchez, Xavier Pardo Bedia, Florentino L. Cuevillas e Alfonso V. Monxardín, de Ourense a Santiago de Compostela (105 kilómetros en catro etapas), do 8 ó 11 de xullo de 1926.

A historia desta ruta remóntase a varias vereas de orixe medieval polas que, durante séculos, transitaron viaxeiros e arrieiros. O mesmo camiño que rexistrou Domingos Fontán na súa Carta Xeométrica de Galicia (1834) e, precisamente, foi ese mapa a guía da que se valeron os sete galeguistas, todos eles membros das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, que foron tomando notas e facendo debuxos e fotografías dos aspectos máis salientables.

Grazas ás crónicas de Xavier Pardo Bedia, autor do relato dos que se consideraban como “peregrinos dunha nova fe”, publicado en A Nosa Terra, entre xullo de 1926 e abril de 1927 e editado en libro por Luís González Tosar, “O Camiño de Nós” (Aira Editorial, 2020), pódese reconstruir e sinalizar un camiño cultural que cumprirá cen anos en 2026.

Te puede interesar