Patrimonio decidirá se hai cambios na Veracruz

O muro xa ten dous metros de altura xunto ó templo. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A decisión de modificar o proxecto inicial ou paralizar as obras da nova praza do templo da Veracruz do Carballiño corresponde á Dirección Xeral de Patrimonio, segundo aseguraron o alcalde, Carlos Montes, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Amil, nunha comparecencia pública.
Os dous integrantes do equipo municipal de goberno participaron ó mediodía de onte nun acto aberto ós cidadáns, que se desenvolveu no salón de plenos da Casa do Concello e que contou coa asistencia dunhas 70 persoas.

Nesta xuntanza, o arquitecto municipal, Sergio Mascareñas, explicou os detalles do proxecto da praza, que está a suscitar na súa execución unha manchea de críticas veciñais, centradas na construcción dun muro de formigón na liña da rúa Evaristo Vaamonde que impide ter unha visión da igrexa parroquial.

Mascareñas sinalou que 'o muro ten na actualidade perto de dous metros de altura, pero contando co revestimento de pedra rústica e tamén o petril previsto no proxecto, acadará uns 3,70 metros'. Os asistentes á asamblea demandaron unha solución ás autoridades municipais, pero tanto Montes como Amil apuntaron que 'o único que podemos facer é trasladar á Xunta o malestar existente entre os veciños sobre as obras dese muro, xa que son os responsables de Patrimonio os que teñen a última palabra, unha vez consultados os técnicos que deseñaron o proxecto da praza'.

Te puede interesar