A sanción imponse polo derrubo da igrexa do Santo Cristo e a construcción ilegal dunha casa

Patrimonio impón ó Concello de Cea 18.000 euros de multa

Muro que separa a campo da igrexa da Saleta e unha finca de propiedade privada. (Foto: Martiño Pinal)
O derrubo da igrexa do Santo Cristo costoulle ó Concello de San Cristovo de Cea unha sanción de 12.000 euros, imposta pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta hai tres anos. No expediente contemplouse que as autoridades municipais, sen ningún tipo de autorización por parte deste departamento autonómico, encargaron traballos de reparación desta capela, inventariada no século XVIII no rexistro de protección patrimonial.
A pésima xestión das obras, unida ó temporal de choiva e vento que asolou a comarca, remataron coa caída dos muros en marzo de 2001. O alcalde do municipio, José Luis Valladares, decidiu o traslado das pedras do edificio, xa demolido, a un solar ubicado na rúa España, e que logo serían utilizadas para a consolidación do valado que pecha o Campo de A Saleta, onde se atopa a igrexa adicada á patrona da localidade. Este muro limita o recinto relixioso cunha finca privada na que se construiu unha vivenda unifamiliar, que tampouco dispuña da pertinente licencia de Patrimonio, ó estar situada a menos de 100 metros da igrexa.






CANTIDADES



A ausencia de trámite por parte do Concello de Cea neste caso supuxo a apertura dun segundo expediente sancionador, fixándose dende a Xunta unha sanción de 6.000 euros. O rexedor, do PP, recoñeceu na última sesión ordinaria da Corporación municipal, celebrada o pasado luns, que 'Patrimonio non aceptou as alegacións que formulamos ós dous expedientes e vímonos na obriga de satisfacer as cantidades sancionadoras, ata un total de 18.000 euros'. O voceiro da oposición, o socialista Guillermo Fernández Dopazo, que preguntou no pleno sobre este tema, criticou que 'sexan os veciños de Cea os que teñan que pagar as ilegalidades do señor alcalde, precisamente nunha época de crise económica como a que estamos a vivir'.


O concelleiro do PSOE tamén lamentou que 'ademais do desastre da capela do Santo Cristo, o señor Valladares permitise que unha persoa da súa familia construiuse un chalé á beira da igrexa de A Saleta e aínda por riba lle arranxase o muro de división coas pedras daquela, sen ter pedido autorización ó Bispado nin á Patrimonio'. A desaparación da capela, que estaba situada no centro da capitalidade municipal, obrigou ó Bispado a trasladar as misas dominicais e outros actos litúrxicos á antiga igrexa parroquial de San Cristovo, ubicada a un quilómetro de distancia e na marxe esquerda da estrada N-545 (Ourense-Santiago).


Nembargantes, o estado de deterioro deste templo parroquial, construído no século XVII sobre unha planta románica, levou ó Bispado ourensano a solicitar a súa restauración no ano 2003. As obras de rehabilitación comezaron o mes pasado ó ser incluidas no programa de infraestructuras do Xacobeo 2010, cun investimento aproximado de 60.000 euros, e obrigaron, de novo, ó peche da igrexa ós cultos relixiosos mentres duren os seis meses previstos para as obras. Os feligreses, na actualidade, vense na obriga de acudir ó campo de A Saleta.

Te puede interesar