Patrimonio licitará en abril a obra da torre de A Veracruz

A execución das obras de consolidación da torre do templo parroquial de A Veracruz do Carballiño serán licitadas neste mesmo mes pola Xunta, ó traverso da Dirección Xeral de Conservación do Patrimonio.
Así llo comunicou no mediodía de onte o responsable deste departamento autonómico, José Manuel Rey, ó concelleiro de Obras e Urbanismo, Manuel Amil, na actualidade tamén alcalde en funcións.

O correspondente proxecto fora elaborado polo arquitecto Adolfo Otero Janeiro, fillo e neto dos constructores da igrexa deseñada por Antonio Palacios, e supón un investimento aproximado de 250.000 euros. Os traballos consistirán na impermeabilización das cubertas da torre e a instalación de canalización para as augas pluviais; a limpeza da fachada coa reparación das pedras que están danadas pola erosión, e a construcción de pasarelas de comunicación cos catro torreóns existentes no ábside.

Estas serán as primeiras obras de mellora da estructura da torre (duns 50 metros de altura dende a base), dende que foi rematada no ano 1961, case 20 anos despois do inicio da construcción do templo, promovida polo párroco Evaristo Vaamonde. A financiación dos traballos de consolidación correrá a cargo da Consellería de Cultura, unha vez feita unha actualización dos custes, que hai seis anos estaban calculados na cantidade de 120.000 euros.

O prazo de execución que baralla o concelleiro de Urbanismo sitúase entre os seis e os oito meses a partir do proceso de adxudicación, que corresponderá tamén a Dirección Xeral de Conservación do Patrimonio. Manuel Amil lembra que 'este proxecto xa fora plantexado polo Concello na anterior etapa do bipartito na Xunta, cando o BNG tiña competencias na Consellería de Cultura.

Te puede interesar