Piñor ofrece material para educar en igualdade ós pais

O Concello de Piñor organiza a actividade “Contamos en igualdade”, con motivo do vindeiro 8M, Día Internacional da Muller, que incide na formación dos nenos e adolescentes e tamén dos pais.

O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é precisamente un servizo que traballa directamente este tema, tanto coas familias usuarias como nas actividades comunitarias que leva a cabo. Dende o devandito programa, financiado pola Consellería de Política Social e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia, levarase a cabo a actividade “Contamos en igualdade”, un contacontos sobre a igualdade de xénero que terá lugar o próximo 5 de marzo, ás 18,00 horas, no Centro Social (Albarona, Piñor). A entrada é gratuita e manteranse tódalas medidas actuais de prevención contra o covid.

Por outra banda, haberá instalado no local un stand informativo sobre coeducación. Baixo o lema “¿Coeducamos?”, a educadora familiar fará entrega de material informativo e recursos educativos para facilitar a tarefa dos pais á hora de educar en igualdade de xénero. Para elo, cóntase coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade.

“Animamos á poboación a asistir ó contacontos, para pasar unha tarde en familia divertida, mentres fomentamos a igualdade de xénero entre os nosos nenos e nenas”, sinalan os responsables da actividade en Piñor.

Te puede interesar