É a última obra que formaba parte do plan de rehabilitación do patrimonio iniciado no ano 2006

Piñor recuperou a Praza do Arenteiro, na Vía da Prata

A recuperación da Praza do Arenteiro recibiu o visto bo de Patrimonio. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
O Concello de Piñor puxo en marcha no 2006 un plan de recuperación do patrimonio etnográfico que abarca o acondicionamento e habilitación de espacios públicos para uso dos veciños.
Deste xeito, arranxáronse áreas de recreo, entornos de igrexas, fontes, fornos e lavadoiros, entre outros elementos. A última destas obras consistiu na rehabilitación do pendello da Praza do Arenteiro, sito no campo da festa da Peregrina, e da bancada colindante cumprindo así coa petición feita polos veciños da zona. O pendello atopábase nun estado lamentable, coa cuberta moi deteriorada e con risco de virse abaixo, así como con varios engadidos que afeaban o entorno.

As obras consistiron na substitución da cubrición da edificación, conservando as dimensións pendentes e toda a tella recuperable. Os dous pilares próximos á capela que non eran de pedra foron demolidos e sustituidos, retranqueando as escaleiras e a construción dunha rampa. A bancada foi revestida de granito silvestre, e fíxose unha base para o cruceiro que servirá para protexelo. Finalmente aproveitouse para mellorar a iluminación da praza e tamén se mellorou a iluminación da zona con luz de baixo consumo.


PATRIMONIO

As obras foron executadas dacordo co preceptivo informe de Patrimonio Cultural que neste caso, ó pasar por alí a Vía da Prata, foi a través do Comité Asesor do Camiño de Santiago quen fixou as condicións a ter en conta na rehabilitación.

A inversión ascendeu a 56.947 euros e foi subvencionada con cargo ós fondos para proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia promovidos polos concellos e mancomunidades, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e cunha aportación do Concello de Piñor de 10.512 euros (18.46 %), ademáis dos gastos de redacción do proxecto e da dirección de obra.

Te puede interesar