Polo “Camiño de Nós”, desde Carballiño ó Irixo

Unha andaina seguiu o trazado que fixeron os galeguistas en 1926

Un bo número de camiñantes fóronse incorporando ao longo do percorrido á Andaina do Camiño de Nós, que partía ás 10,00 horas do Carballiño e chegaba ao seu destino en O Irixo minutos antes das 14,00 horas, despois de repoñer forzas na Insua dos Poetas, onde lles esperaba o avituallamiento.

Cun grupo de gaiteiros amenizando o camiño, un carro tirado por bois e un total de 18 cabalos, seguiron o trazado dos arrieiros, aquel que en xullo de 1926 (Ano Santo Compostelán) un grupo de sete galeguistas de Ourense (Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, Alfonso V. Monxardín, Antón Sanchez, Lois Feixoo e Xavier Pardo Bedia), todos membros do Seminario de Estudos Galegos, fixeron a pé o traxecto entre Ourense e Santiago.

Con esta andaina, que xa é a terceira edición, recórdase esa peregrinaxe por un camiño que atravesa un total de 11 concellos, cinco da provincia de Ourense, tres da de Pontevedra e tres da Coruña, e que fixeron en catro etapas: Ourense-Carballiño, Carballiño-Silleda, Silleda-Ponte Ulla e Ponte Ulla-Santiago.

Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, organizadora da andaina, afirma que para o próximo ano o percorrido será desde O Irixo a Vilatuxe, e no seguinte ata Silleda. 

Unha vez que chegaron a O Irixo, descubriuse unha placa conmemorativa daquela peregrinación, que foi colocada na “casa do zapateiro”, que era tamén unha taberna na que os galeguistas pararon a xantar.

Nese acto participaron en representación da Xunta de Galicia o delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén; pola Deputación, Patricia Torres; a alcaldesa de O Irixo, Susana Iglesias, que daba a benvida aos camiñantes; e os alcaldes de Carballiño, Francisco Fumega, e de Maside, José Manuel Iglesias. A Banda de Gaitas e Danzas do Irixo actuou para os presentes, antes do retorno en autobús ao Carballiño. O Camiño de Nós motivou a constitución dunha asociación integrada por cinco concellos de Ourense, tres de Pontevedra e tres da Coruña, que xa solicitaron a declaración como Camiño Cultural.

Te puede interesar