O porco celta ó espeto anticipará a festa de exaltación de Beariz

A Asociación do Porco Celta de Beariz xa comezou a programar a que será a sexta edición da festa de exaltación gastronómica desta raza, que se celebrará en datas próximas á primavera de 2012. Deste xeito, os organizadores promoven para o vindeiro domingo 4 de decembro un xantar privado para 'ensaiar' unha das posibles novidades que se poderían introducir no menú do evento culinario.
Neste sentido, José Balboa, presidente do citado colectivo, adiantou que 'imos encargar a cociñeiros especializados a elaboración de porcos celtas ó espeto, e no caso de que sexan do agrado dos expertos, incorporaremos este prato á carta da festa'. Concretamente, serán tres os exemplares elexidos para cociñar, de entre 18 e 22 quilos, un peso que se estima coma óptimo para este tipo de preparacións, coma é o caso do 'carneiro ó espeto' da localidade coruñesa de Moraña.

Ademais da posible inclusión deste prato, a organización do festexo de Beariz tamén buscará outro que sirva de referente do país ó que se adica a sexta edición, Panamá neste caso. Se hai dous anos foron os 'antojitos' mexicanos e no actual un pastel de carne de Alemaña, 'agora toca algo típico do país centroamericano, que ten acollido a moitos galegos da comarca, en particular do noso municipio', apunta José Balboa.


ARTESANÍA

Coma en anos anteriores, o programa da 'Festa do Porco Celta', que contará coa colaboración da Consellería de Medio Rural e do Inorde, estará precedida dun concurso escolar de debuxos, teatro e unha actuación polifónica. No recinto de A Goberna, a asociación organizadora habilitará un espazo para unha mostra de artesanía e productos autóctonos da comarca de Terra de Montes, na que está integrado o municipio de Beariz. O xantar, para o que se distribuirán unhas 800 tarxetas ó prezo de 20 euros, celebrarase no interior do pavillón polideportivo, e a súa elaboración correrá a cargo dunha empresa de catering.

Te puede interesar