O Potiños fai retratos na Praza Maior do Carballiño

Concello do Carballiño
photo_camera Concello do Carballiño

A entidade cultural do Carballiño desenvolve a actividade "Pon unha foto na rúa" este domingo

Un ano máis, a Asociación O Potiños quere contaxiar a paixón pola arte da fotografía a todos os veciños e visitantes do Carballiño. A entidade cultural, en colaboración co Concello, organiza unha nova edición de “Pon unha foto na rúa”, que se desenvolverá este próximo domingo no corazón da vila. Está previsto que na Praza Maior, en horario de 11,00 a 19,00 horas, se realicen retratos a todos aqueles que o desexen e que formarán parte dunha posterior exposición.

A Floristería Arual decorará o escenario no que se desenvolverá esta iniciativa que xa está preto de acadar a súa décima edición. O presidente da Asociación Fotográfica O Potiños, Manuel Blanco, anima a toda a cidadanía a participar, xa que ademais se levarán un bonito recordo, coa súa fotografía de regalo que lles entregará a asociación.

Cómpre lembrar que a entidade cultural, tamén co apoio do Concello do Carballiño, vén de impulsar o libro “Pulpeiras do Carballiño. Herdeiras dunha tradición”. O traballo homenaxea a estas profesionais e contou coa participación de 30 familias de pulpeiras e ata tres xeracións. 

Algunhas das súas imaxes xa poden verse nunha exposición nun local do centro urbano. Neste espazo exponse unha trintena de fotografías en formato 50x70.

Desta maneira a entidade anima a facerse un retrato e tamén a visitar a exposición sobre as familias de pulpeiras.

Te puede interesar