O Concello carballiñés confía na modificación do proxecto segundo as alegacións presentadas

A praza da Veracruz deberá preservar o acceso ó templo

Obras de desterre para a construcción da praza pública no contorno de A Veracruz, no Carballiño. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O equipo municipal de goberno do Carballiño espera a visita dos técnicos da Consellería de Infraestructuras e dos arquitectos redactores do proxecto da praza do contorno do templo da Veracruz, co fin de introducir as modificacións aprobadas pola Corporación na sesión plenaria celebrada o 11 de xuño do pasado ano.
Neste sentido, tanto o alcalde, Carlos Montes, coma o concelleiro de Urbanismo, Manuel Amil, lembraron que 'a este proxecto foron presentadas un total de 11 alegacións por parte da Parroquia de San Cibrao, o Obispado, cidadáns e o propio grupo municipal do PP, sendo estimadas na súa maioría'.

Entre os cambios consensuados, 'está a conservación da rampa de acceso á entrada principal da igrexa, que aparece configurada como unha escaleira nos planos de obra, e que é utilizada tradicionalmente para a saída das procesións e dos vehículos funerarios', sinalou Manuel Amil. Ademais, o párroco, Xosé Benito Sieiro, tamén solicitou, e así foi aprobado, o mantemento da entrada dende o adro do templo á casa parroquial, que salva un pequeno desnivel existente no terreo.

Por outra banda, tampouco se contempla no proxecto, que está a executar a empresa Misturas cun orzamento de 1,2 millóns de euros, a conexión entre a rúa Florentino López Cuevillas e a avenida que atravesará a nova praza para comunicar a rúa Evaristo Vaamonde coa praza de San Ramón. 'Xa estamos a falar cos propietarios das vivendas do contorno para que cedan a superficie necesaria, á espera do deseño definitivo que plantexen os técnicos da Xunta', indicou o edil de Urbanismo.

Na actualidade, os traballos de desterre e cementación centran as tarefas da constructora, que dispón dun ano de prazo para o remate da obra. Deste xeito, os operarios levantaron un muro de formigón no límite coa rúa Evaristo Vaamonde, 'que ten coma obxecto nivelar a praza coa base do templo e que logo se recubrirá de pedra rústica similar á colocada no adro', apuntou Carlos Montes. O alcalde matizou que 'esta solución técnica foi recomendada pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta'.

Te puede interesar