O PSdeG insta ao Concello de Irixo a recuperar a Feira do Tellado

Iago Fariñas afirma que a Feira do Tellado chegou a competir incluso coa do Carballiño, manifestando algúns veciños que era mellor e de máis sona.

O portavoz do grupo municipal socialista do Irixo, Iago Fariñas Valiña, presentou unha moción para recuperar a Feira do Tellado. Con tal motivo, insta ao Concello a elaborar un plan de recuperación e posta en marcha deste tradicional mercado dispoñendo dos medios necesarios de planificación e promoción. Ademais, considera que deberá estar en marcha no próximo verán, aproveitando esta época do ano na que residen máis veciños no municipio polas súas vacacións.

Iago Fariñas afirma que a Feira do Tellado chegou a competir incluso coa do Carballiño, manifestando algúns veciños que era mellor e de máis sona. Tamén lembra que o campo do Tellado e a súa feira chegaron a ter históricamente os seus propios pendellos de pedra, empregados polos feirantes para resgardarse, gardar as cabalerías ou o gando, comer e facer as vendas e as compras, algunhas destas construcións de pedra poderían datar do século XVIII.

 "Por desgracia, pola pouca sensibilidade e visión de futuro e respecto polo patrimonio, na actualidade non existen estas edificacións a diferencia do que pasa noutros concellos como o de Agolada, onde os seus pendellos foron declarados conxunto histórico-artístico en 1985, e en 1990 a Xunta de Galicia e o concello puxeron en marcha un proxecto para limpar e restaurar algúns deles", sinala o portavoz socialista.

A feira celebrábase na carballeira do Tellado, na parroquia de San Cosme, os días 2 e 17 de cada mes.

Te puede interesar