TRABALLO SOCIAL

O PSOE de Piñor critica os servizos sociais da Mancomunidade

Aseguran que os traballadores municipais xa sofren atrasos á hora de cobrar as súas nóminas

O grupo municipal do PSOE de Piñor afirma que 40 días despois da cesión dos servizos sociais á Mancomunidade do Carballiño os traballadores municipais xa sofren atrasos á hora de cobrar as súas nóminas. Os socialistas tamén sinalan o que consideran como "grave merma na calidade dos servizos, posto que os venres, os usuarios teñen que desprazarse ó Carballiño se queren ser atendidos".

Nese sentido, o portavoz municipal, Francisco Fraga, sinala que "tal e como prevían os socialistas de Piñor, a veciñanza ía perder calidade no servizo e polo de pronto, estaban no certo, posto que a traballadora social e a educadora familiar xa non atenden os venres ós veciños de Piñor; tendo que desprazarse ata a sede da Mancomunidade, afastando un servizo básico dos usuarios".

Por outra banda, refírese este grupo da oposición "ao atraso no pago das nóminas, nunca pasara durante os anos de goberno socialista, os traballadores sempre cobraban antes de rematar o mes. Pero ao seren transferidos, Piñor pasou de ser exemplo de bo facer a ser exemplo de retroceso e desleixo gobernamental". 

Tamén lembran que "este non é o único caso no que o goberno bipartito (PP - Veciños de Piñor) se desentende das súas obrigas, estando aí o caso da recadación da auga que pasou a Deputación ou a xestión do velorio privatizada". 

Te puede interesar