O PSOE reclama en Punxín a limpeza de todos os camiños

Os socialistas afirman que os veciños non poden acceder as súas fincas, montes e terreos

O PSdeG-PSOE de Punxín reclama ao grupo de goberno municipal que proceda a realizar unha limpeza “exhaustiva” dos camiños e vías públicas do municipio. Os socialistas refírense ao “abandono” que se vive no municipio, con camiños públicos “intransitables” que impiden o paso da veciñanza as súas fincas, montes e terreos, dificultando o seu día a día para facer as tarefas cotiás e tamén para poder moverse polo municipio.

Dende o grupo Socialista apuntan a que nos últimos días “estase a requirir aos propietarios das fincas que procedan á limpeza das mesmas, pero atópanse co abandono e a situación intransitable do camiño, o que impide o acceso ás mesmas”. Ante esta situación, varios veciños do municipio puxéronse en contacto coas concelleiras socialistas para que traten de buscar algunha solución e que o alcalde escoite as súas demandas, segundo afirman.

As concelleiras do PSdeG-PSOE de Punxín instan ao Concello a que proceda a realizar a limpeza con carácter de “urxencia” e mostran o seu “profundo malestar pola situación na que se atopan, xa que impiden as tarefas da veciñanza e ademais supoñen un perigo para á mobilidade e un grave risco en caso de incendios”. As socialistas consideran apropiado que se inste á limpeza da maleza ao redor dos núcleos de poboación e das casas que se atopan illadas, “tal como levamos anos reclamando”, pero consideran que o Concello de Punxín “ten que dar exemplo, antes de reclamarlle á veciñanza algo que o propio goberno municipal non é quen de facer”.

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, “día tras día asistimos a unha forma de facer política na que non se conta coa veciñanza, na que se opta pola desidia”, sinala.

Te puede interesar