O Concello carballiñés adica os cartos das subvencións ó pago de facturas

Os recortes municipais restan apoio ás festas

Participantes na festa do barrio de Catro Caminos, o pasado 17 de Xuño (Foto: Marcos Atrio)
As festas que organizan os veciños dos barrios do casco urbán e das parroquias do rural do Carballiño verán mermados este ano os seus orzamentos pola falla de axudas municipais. Así, os promotores da primeira festa no contorno dos Catro Camiños, que se celebrou os días 16 e 17 deste mes, e os do San Xoán de Seoane, na pasada fin de semana, tiveron que 'tirar de imaxinación' e reducir os seus custes en actuacións musicais.
Ata o momento, o Concello carballiñés habilitaba unha partida duns 6.000 euros para atender as demandas das respectivas comisións de festexos, e convocaba na primavera un prazo para solicitar as correspondentes subvencións. Deste xeito, distribuíanse xeralmente uns 300 euros para cada organización, que logo presentaba un xustificante de gastos.

Baleiro

Nembargantes, o novo equipo municipal de goberno, que encabeza o 'popular' Argimiro Marnotes, atopou as arcas municipais practicamente baleiras despois da toma oficial de posesión da Corporación, o 11 de xuño. 'O problema non é xa que non haxa cartos para axudar ás festas veciñais, senón que aínda temos que rascar no fondo da caixa para afrontar o pago de facturas atrasadas que os provedores veñen a reclamar a cotío', sinalou onte Argimiro Marnotes.

Por iste motivo, o Concello non pode convocar a liña de subvencións de anos anteriores, 'e tampouco modificar partidas nos orzamentos deste ano', matiza o alcalde. A solución pasa por solicitar doutras institucións, coma é o caso da Deputación, bandas de música ou grupos folclóricos cos que ésta mantén convenios para percorrer as festas da provincia. Mentres, as comisións organizadoras saen do paso involucrando ós empresarios e comerciantes e, tamén, os propios veciños.

Te puede interesar