A reposición da rede de augas no polígono industrial carballiñés custa 337.400 euros

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, presentou onte ós directivos da Asociación de Empresarios da Área Industrial Carballiño (Aica) o estudio económico para acometer a reposición da rede de abastecmento e saneamento no polígono empresarial do municipio. Estas obras de mellora foran solicitadas polos empresarios na reunión celebrada no Carballiño o pasado 30 de outubro.
Os técnicos da consellería cifran en 337.400 euros o investimento necesario para levar a cabo as obras no Polígono Industrial da Uceira, que asumirá o departamento autonómico, e que se vén sumar ós 1,3 millóns de euros que xa está a investir a través do Plan Director da Área Empresarial do Carballiño. Do mesmo xeito, Teresa Táboas anunciou que tamén se financiará a instalación de bocas contraincendios en toda a zona ocupada polas empresas.

Aparcamento

O investimento de 337.400 euros recollido no estudo técnico tamén inclúe as obras necesarias para levar a cabo a ampliación do ancho do vial principal de acceso ó parque empresarial, que pasará de 7 a 15 metros de ancho, o que vai permitir dispoñer dunha zona de aparcamento para vehículos pesados. Durante o transcurso da reunión, Táboas salientou o investimento da Consellería de Vivenda e Solo na comarca do Carballiño no que vai de lexislatura, que só en materia de solo empresarial ascende a 4,2 millóns de euros. A conselleira nacionalista entrevistouse cunha representación dos empresarios carballiñeses, encabezada polo presidente de Aica, Manuel López Pérez.


Te puede interesar