A restauración de muíños mellora o atractivo de Punxín

Alfredo Cruz mostra un muíño recuperado no río Barbantiño.  (Foto: Martiño Pinal)
Un obradoiro de emprego integrado por 30 persoas de Punxín -delas, 14 mulleresrecuperou tres muíños e un sendeiro no río Barbantiño. O alcalde, Alfredo Cruz, solicitou da delegada de Traballo a continuidade das obras noutro proxecto.
As 30 persoas que participaron no obradoiro de emprego ‘O Bañiño’ de Punxín levaron a cabo durante un ano a restauración de tres muíños, a recuperación dun sendeiro e a creación dunha área recreativa ó carón do río Barbantiño.

As tarefas quedaron reflexadas nun vídeo que presentou o alcalde do municipio, Alfredo Cruz, ante a delegada provincial da Consellería de Traballo, Carmen Rodríguez, que se desplazou onte ata o salón de actos da escola pública a fin de entrega-los correspondentes diplomas ós alumnos do obradoiro.

Formación

A responsable do departamento de promoción laboral en Ourense sinalou que ‘imos seguir apostando por iste tipo de proxectos naqueles concellos con altas taxas de desemprego, tendo en conta a súa doble faceta de recuperación do patrimonio e de formación de homes e mulleres en diferentes especialidades’. No caso de Punxín foron 14 mulleres e 16 homes, divididos en módulos de albanelería, cantería e restauración de áreas degradadas.

‘O obxectivo é a súa inserción laboral, que na actualidade se sitúa nunha porcentaxe do 70% para os alumnos dos obradoiros de emprego galegos, dentro dun programa que a Consellería manterá este ano cun investimento de 20 millóns de euros’, anunciou Carmen Rodríguez.

Pero en Punxín aínda hai muíños pendentes de recuperar e por iso Alfredo Cruz solicitou da delegada que ‘nos dé outra oportunidade para seguir traballando, porque queda moito por facer’. O rexedor socialista lembrou que ‘o río Barbantiño é emblemático para nós, e xunto cos mananciais termais e o castro de Lás é o único que temos para ofrecer de atractivo ós nosos visitantes, e a mellora deles contribúe a recuperar a vida dun municipio rural coma é Punxín’.


Te puede interesar