Un selo incorpora a imaxe da igrexa de Sagra

Imaxe da Igrexa de San Martiño de Sagra.
photo_camera Imaxe da Igrexa de San Martiño de Sagra.

O selo estenderá a imaxe da parroquia de Sagra, e do Carballiño por extensión, a través do correo postal

A Sociedade Filatélica Miño, con motivo da celebración do San Martiño, presentou un selo dedicado a unha das igrexas da provincia que están vencelladas á devoción polo santo de Tours. Neste 2021 a elexida foi a igrexa de San Martiño de Sagra, en Carballiño, e o Concello agradece a decisión da Sociedade Filatélica Miño pola elección.

O selo e o sobre co retablo de San Martiño de Sagra e o mataselos, no que se fai constar a data, servirán para espallar a imaxe da parroquia de Sagra, e do Carballiño por extensión, a través do correo postal.

A exposición anual do San Martiño da Sociedade Filatélica, que neste 2021 celebra a súa trixésimo primeira edición, está aberta ao público no Liceo de Ourense ata o 21 de novembro e na mesma amósanse interesantes propostas de filatelia, numismática e coleccionismo, ademais de organizar actividades formativas e visitas para asociacións culturais e colexios.

As autoridades municipais manifestan a súa satisfación por este selo dedicado a esta parroquia carballiñesa.

Te puede interesar