Educación

Sobrado deixa a presidencia do centro Chamoso Lamas

Miguel García, Xosé Luis Sobrado e Francisco Fumega, durante o acto.
photo_camera Miguel García, Xosé Luis Sobrado e Francisco Fumega, durante o acto.
Anunciouno na presentación da revista Argentarium de investigacións do Carballiño e Ribeiro

O Centro de Estudios Chamoso Lamas logrou reunir no salón de plenos do Concello do Carballiño a un nutrido grupo de investigadores, integrantes do colectivo e veciños durante a presentación da revista Argentarium, que edita esta entidade cultural carballiñesa.

Tratábase de dar a coñecer o último número desta publicación, que fai o número 7 e coa que se conmemora o 25 aniversario do colectivo.

Ocuparon o estrado do acto o presidente e o secretario da entidade, Xosé Luis Sobrado e Miguel García, respectivamente, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega. O rexidor destacou a importancia e traxectoria da entidade e agradeceu o labor que ven desenvolvendo no Carballiño e na comarca, así como a do Ribeiro, a prol da cultura e da investigación histórica.

Xosé Luis Sobrado, que anunciou que deixa a presidencia da entidade tras máis de vinte anos no cargo, resaltou o significado desta voluminosa publicación que contén máis de vinte traballos de investigación encol das máis diversas disciplinas do saber sobre o patrimonio histórico-cultural das comarcas do Carballiño e do Ribeiro, coa participación de integrantes do colectivo pero tamén doutros investigadores.

Así, ao longo das 250 páxinas da publicación, atópanse artigos referidos ao urbanismo, á viticultura, á escultura pública, ao xornalismo nos anos 50, á Guerra da Independencia, arquitectura relixiosa, heráldica e outras materias como os restos de arquitectura visigótica descubertos en Melón o unha laudatio ao historiador fallecido Elixio Villaverde.

Sobrado: “Somos un colectivo moi respectado en Galicia”

Xosé Luis Sobrado Pérez.

O historiador e investigador Xosé Luis Sobrado é natural de Feás (Boborás), licenciado en Xeografía e Historia, traballa como funcionario da Xunta de Galicia.

Por que deixa a presidencia do Centro de Estudios Chamoso Lamas despois de 21 anos no cargo?

Hai que dar paso á xente nova. Somos 26 socios investigadores e máis de 100 colaboradores de toda Galicia, hai titulados e algúns doutores en distintas materias e con idades de pouco máis de 40 anos, que teñen que coller agora o relevo.
Que motivou a fundación do centro de estudos?

Empezamos no 1994, pero xa no 88 falábamos da necesidade de facer investigacion histórica, porque non se coñecía nada do Carballiño, que pasou de ser unha comarca das máis descoñecidas a ser unha das máis investigadas de toda Galicia.

Que destaca desta longa traxectoria?

Destaco o primeiro congreso que celebramos, ao rededor do 96. Éramos 400 matriculados e foi un acontecemento en toda Galicia. Os mellores investigadores de Galicia estiveron no Carballiño.

Que lle aportou a vostede o Chamoso Lamas?

Moitas satisfaccións de tipo persoal e medrei moito como investigador. Temos moitas publicacións e celebramos moitos congresos. Somos un colectivo moi respectado en toda Galicia, en todas as institucións.

Te puede interesar