DEPORTE

Un total de 40 persoas déronse cita na andaina rural de Cameixa

Os participantes visitaron a igrexa de San Martiño, unha adega medieval, unha mina de auga e o castro desa aldea

Un total de 40 persoas participaron na última andaina organizada polo Concello de Boborás para dar a coñecer parte das súas riquezas patrimoniais e naturais, que nesta ocasión transcorreu pola parroquia de  Cameixa. Colaboran nesta iniciativa, que se puxo en marcha a principios de ano para percorrer todas as parroquias de Boborás, o Centro de Estudios Chamoso Lamas, o grupo ecoloxista Outeiro e a Deputación de Ourense. 

En primeiro lugar visitaron a igrexa románica de San Martiño, do século XII, que entre as súas peculiaridades atópase o seu reloxo de sol. O historiador Xosé Luis Sobrado contou que nunha reforma de 1863 toparon elementos que fan pensar  que o templo foi construído no mesmo lugar que outro anterior do ano 600 d.C. Algunhas desas mostras foron unha tumba atopada no solo, unha figura prerrománica dun año, así como unha tella da mesma época. Os participantes tamén visitaron a Adega Medieval de Figueiroa, unha mina de auga abovedada e remataron no Castro de Cameixa.

O arqueólogo, Jorge Lamas, explicou os achados atopados coa construción do gaseoducto que consistiron nunha furna con cinzas e tamén sementes dentro dun oco dunha roca. As probas do carbono 14 determinaron que os restos eran de entre o 3500 e 4000 a.C.

O biólogo, Diego Reboredo, mostrou un dos eucaliptos máis antigos de Boborás e dúas sobreiras centenarias.

Te puede interesar