GASTRONOMÍA

Trinta maneiras de facer pulpo, na Ruta das Tapas

<p></p>
photo_camera Os hosteleiros co alcalde e o concelleiro de Promoción Turística durante a presentación da xornada.

Será o produto estrela dunha xornada que organizan os hosteleiros da vila 

O pulpo é o produto estrella da xornada de tapas prevista para hoxe no Carballiño. Os carballiñeses e todas as persoas que se acheguen á vila poderán degustar ata 30 formas diferentes de preparar o pulpo. Tosta de pulpo con queixo do Cebreiro e base de puré de pataca; pulpo con fabas; salpicón de marisco con pulpo; salteado de verduras con puré de pataca e pulpo á grella; pulpo con gambas e cachelos, son algunhas das tapas que se presentaron onte no local social de Arcos, a cuna das pulpeiras do Carballiño. Poderán ser degustadas nos 29 bares, mesóns e restaurantes que participan na Ruta das Tapas, que celebra a súa cuarta edición.

Na presentación participou un grupo de hostaleiros que exhibiron e explicaron as súas creacións culinarias, como mostra da gran variedade de formas que hai de preparar o pulpo, ademais da habitual do pulpo á feira.

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, que acompañou aos hostaleiros nesta presentación, agradeceu a creatividade e o compromiso do sector para converter ao Carballiño nun referente da gastonomía en Galicia.Pola súa parte, o concelleiro de Promoción Turística, José Manuel Dacal, destacou o éxito acadado nas anteriores edicións e desexou unha concurrencia semellante na xornada de hoxe. Tamén dixo que a venda de rifas nos locais de hostalería para participar nun premio de 1.000 euros en vales de compra e unha viaxe, ía a bo ritmo, e axudaba a promover á hostalería local.

A cuarta edición da xornada gastronómica dedicada ás diferentes variedades do pulpo será partir das 20,00 horas, nos 29 locais hostaleiros adheridos a esta iniciativa.

As anteriores xornadas da Ruta das Tapas dedicáronse aos produtos do outono como cogumelos e castañas, á matanza do porco e tamén ó Nadal, continuando agora co pulpo.

Te puede interesar