saúde

As Xornadas de cachibol e risaplus achegaranse ó rural

O Concello carballiñés os desenvolverá os próximos días 13, 20 e 27 deste mes de xuño

O medio rural do Carballiño é o destinatario dunhas xornadas de cachibol, a nova modalidade deportiva para persoas maiores, e de risaplus. Tras a realización dunhas xornadas de risoterapia que se desenvolveron no pasado mes de abril, voltan a ter lugar neste mes de xuño outras similares encamiñadas a impulsar o exercicio físico e mellorar a calidade de vida dos residentes no rural a través dunha serie de actividades que conxuguen o lúdico co exercicio físico.

Esta actividade, que conta para a súa organización cunha subvención da Deputación provincial de Ourense e do Concello do Carballiño, comezou en Mesego, e continuará os vindeiros días 13, 20 e 27 deste mesmo mes de xuño, nos locais sociais dos pobos de Seoane, Señorín e Arcos, respectivamente, de 16,00 a 17,30 horas. 

A actividade consiste fundamentalmente na práctica de xogos expresivos, xogos imitativos, dinámicas musicais, ioga da risa e outro tipo de accións terapéuticas destinadas especialmente ás persoas maiores e pensadas para as distintas localidades do rural.

Con esta nova iniciativa, o Concello carballiñés quere favorecer o envellecemento activo das persoas maiores que neste momento viven nos distintos pobos do rural no térmo municipal.

Te puede interesar