CULTURA

A Mostra de Teatro reforzará a participación internacional

<p></p>
photo_camera O alcalde Ignacio Gómez, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o director da MIT, Roberto Pascual.

Reunirá a 20 compañías procedentes de Lituania, Francia, Arxentina, Galicia e resto de España

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou a programación da súa trixésima segunda edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo coa participación de 20 compañías procedentes de Lituania, Francia, Arxentina, Chile e de diferentes zonas de Galicia e do resto de España. A MIT fortalece a súa dimensión internacional e o equilibrio entre a presentación de grandes mestres da escena actual cos novos valores dos creadores a través de coproducións, estreas e residencias artísticas.

Ademais, este ano o encontro concederá un especial protagonismo ás olladas femininas a través dos traballos de actrices como a arxentina Laura Nevole, a madrileña Eva Rufo, a sevillana Carmen Gallardo ou as galegas Mabel Rivera, Belén Constenla e Patricia de Lorenzo.

A presentación en Galicia do traballo escénico de Oskaras Koršunovas, director do Teatro Municipal de Vilna en Lituania, é un dos grandes atractivos do cartel, que presenta unha excelente posta en escena de “A Gaivota” de Chejov, que nace do laboratorio do seu teatro en Lituania e dos laboratorios escénicos que teñen lugar cada verán no Colexio de Teatro da Bienal de Venecia. Ademais, contarase co programa especial do 30 aniversario de Matarile Teatro, con “El cuello de la jirafa”, “Teatro invisible” e “Antes de la metralla”.

No apartado iberoamericano, sempre relevante na MIT, está prevista a estrea de dous espectáculos que teñen en común o tema da violencia exercida contra a muller: TeatroCinema de Chile, con Historia de Amor, dirixida por Juan Carlos Zagal, e a dramaturxia do director arxentino Rubén Sabadini, “Trópico del Plata”. Seguindo co tema da violencia, "Voaxa e Carmín" é a obra da nova dramaturga galega Esther Carrodeguas, que a MIT estrea e coproduce, despois de ter gañado o ano pasado o concurso de textos teatrais Abrente; e Chévere presenta a súa primeira produción despois do Premio Nacional de Teatro. “Eroski Paraíso”.

Entre outros espectáculos tamén destaca nesta edición unha das compañías máis aplaudidas, Atalaya, que nesta ocasión estrea “Madre Coraje”, de Bertolt Brecht; e a catalana Pelmànec coa su premiadísima “Don Juan. Memoria amarga de mí”.

Te puede interesar