O Museo local organiza visitas á Rectoral de Santo André

Hoxe celébrase o Día Internacional dos Museos e para conmemorar esta data o Museo Etnolóxico de Ribadavia, dentro do seu programa 'O Museo no cárcere' (proxecto Museo Aberto), acordou celebrar dous concertos no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar que, pola axenda dos músicos, non podían realizarse este 18 de maio. O Cuarteto Quiroga (música de cámara), actuou o pasado día catro de maio e o segundo concerto, o dos percusionistas Ton e Fernando Risco, farase o vindeiro 25 de maio, segundo informaron os responsabeis do museo.
Polo mesmo motivo, o Museo Etnolóxico programa, en colaboración coa Asociación de Amigos do Museo e do Conxunto Histórico de Ribadavia, un ciclo de visitas guiadas á Rectoral de Santo André de Camporredondo, que se realizarán durante o próximo verán para que veciños e visitantes coñezan a restauración efectuada neste edificio, no que se vai montar o Museo Galego do Viño. A finais deste mes de maio difundirase o calendario con días e horas das visitas, que terán lugar nos fines de semana, nos que se disporá de un autobús.

Te puede interesar