Reencontro de Alonso Montero co Ribeiro

Xesús Alonso Montero, durante a presentación do documental.
As ’Xornadas Galicia no Cine: A Emigración’, organizadas pola asociación de pais do Instituto de Ribadavia, contaron onte co escritor Xesús Alonso Montero para a presentación dun documental da década dos 60, con imaxes e comentarios alusivos ó medio rural e máis concretamente ó Ribeiro.
O membro da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, encargouse onte da presentación do documental ’Alma Gallega’, que se proxectou no Instituto de Ribadavia, dentro das ’Xornadas Galicia no Cine: A Emigración’, organizadas pola asociación de pais. Para este escritor que se criou na localidade de Ventosela, esta actividade foi motivo de reencontro cos amigos e veciños.

A súa intervención centrouse na historia de Galicia a través do cine, incidindo na emigración.

O documental, do que é director un veciño de Leiro, Amando Hermida, daba unha visión das catro provincias na década dos anos 60, centrándose fundamentalmente na comarca do Ribeiro.

A xornada de cine de portas abertas permitiu a moitos dos asistentes ver antigas imaxes e persoeiros coñecidos, algúns moi vencellados á cultura galega.

Te puede interesar