Ribadavia bonifica co 20% a compra de libros

Paula Rodríguez y Brais Fidalgo mostran o cartel da campaña.
photo_camera Paula Rodríguez y Brais Fidalgo mostran o cartel da campaña.
O Concello de Ribadavia persegue fomentar a lectura entre os veciños e dinamizar o comercio local

Con motivo do Día do Libro, o próximo 23 de abril, Ribadavia celebra un ano máis a Semana do Libro do 17 ao 23 de abril, unha iniciativa do Concello que comezou en 2021, con Paula Rodríguez como concelleira de Cultura, e que consiste na aplicación de descontos do 20% en libros de lectura que se merquen nas librerías do municipio.

Esta campaña pretende animar á lectura a todos os veciños, participando na mesma as tres librerías de Ribadavia.

Este desconto aplicaráselle ao cliente, e non suporá ningún custe para as librerías ou editoriais, xa que este importe será asumido integramente polo Concello de Ribadavia, co obxectivo de contribuír a dinamizar o comercio local e o fomento da lectura entre a poboación.

O desconto do 20% durante a Semana no Libro é unha actividade organizada polo Concello de Ribadavia e será aplicable á merca de libros de lectura (ficción, ensaio e banda deseñada), excluíndo revistas, xornais, material escolar e resto de produtos á venda nas propias librerías. 

A oferta será acumulable a outras ofertas que poida haber nos propios establecementos. Ao tratarse dunha oferta especial, non se admitirá a devolución dos libros que sexan mercados a través deste desconto. 

As librarías de Ribadavia nas que se aplicará este desconto do 20% durante a Semana do Libro son: Mafranch, Follas Novas e Goyma.

“Desde o Concello de Ribadavia queremos animar á veciñanza á que participe desta oferta para disfrutar da lectura e dinamizar o comercio local”, sinala a concelleira de Cultura, Paula Rodríguez.

Te puede interesar