La Región

Ourense no tempo

OURENSE NO TEMPO

Os Gaiteiriños de Tioira

En xullo de 1920 debutaron Os Gaiteiriños na festa de Santa Mariña de Augas Santas: o éxito foi total
Isaías Carballo, Toñito, Ángel Amador y Ventura (foto de Modesto Pascual, hijo de Ángel. Circa 1930).
Isaías Carballo, Toñito, Ángel Amador y Ventura (foto de Modesto Pascual, hijo de Ángel. Circa 1930).
Os Gaiteiriños de Tioira

Cara a 1908 o ilustre artista Alfredo Fernández "Nan" de Allariz compuxo a canción Canta Gaiteiriño! como unha homenaxe a todos aqueles que se esforzaban por enxalzar o noso instrumento musical máis representativo: a gaita galega. Quizais ao escribir a letra pensase nos protagonistas da historia de hoxe.

No val de Maceda, e máis concretamente no pobo de Tioira, aínda mantense o recordo duns mozos que no seu tempo causaron sensación. Coñecéuselles como Os Gaiteiriños de Tioira e a súa historia comezou así: José López González, “Pepito”, puido estudar, como o seu irmán maior (mestre de Tioira), con todo como moitos nenos daqueles comezos do século XIX decidiu mudar os estudos por un traballo. O seu primeiro oficio foi o de oleiro, algo como sabedes de gran tradición na zona –naqueles tempos Tioira chegou a contar con varias decenas de mestres oleiros, máis de trinta–. 

O caso é que a pesar de non degustarlle o oficio, Pepito tiña unha gran paixón: a música. E segundo contan gozaba dun moi bo oído e gran habilidade para a súa execución. Foi así como polos seus propios medios conseguiu fabricarse unha gaita. E convencer aos seus irmáns Ventura e Toñito para crear un terceto musical. Nacía así o grupo Os Gaiteiriños de Tioira. A habilidade de Pepito para tocar de oído era incrible; case de forma inmediata, calquera canción que escoitase traducíaa ao belo son da gaita, daba igual música relixiosa que alalás ou mesmo o cerimonial canto gregoriano, que os seus irmáns encargábanse de entoar. 

Non foron máis que escasas semanas as que tardou en correr a noticia polo val, e en xullo de 1920 debutaban Os Gaiteiriños na festa de Santa Mariña de Augas Santas, á beira de bandas de renome como a de Sobrado e a de Podentes, aínda así o éxito dos nenos foi total. En agosto repiten nas Neves (Maceda), xunto á máis que famosa Lira de Ribadavia e ao Coro de Ruada, o que da idea da calidade de "os nenos”. Á vista do éxito os seus pais e avó (Ventura González, concelleiro de Maceda) facilítanlle que estude solfexo. Comezou en setembro dese mesmo ano e aos tres meses contan que estaba preparado para aprobar o primeiro grao do método eslava...

En decembro dese ano deslumbraron a todos os asistentes á procesión de Puenteambia e pouco despois, o día de Nadal acudiron a amenizar a festa do recentemente creado sindicato de labradores de Lámama.

Nada facía pensar que nun mes a enfermidade levase a Pepito. Faleceu de tifus a finais de xaneiro do 1921 con tan só 17 anos –daquelas no val de Maceda as condicións de humidade xunto a outros condicionantes facían que a tifus fora un peligro permanente–. O grupo estivo a piques de desaparecer, pero dalgunha maneira habíase creado a inquietude no resto de compoñentes e non lles faltaron candidatos en colaborar. En 1922 xa eran un cuarteto; aí comezaron unha etapa de constantes actuacións por Galicia, chegando mesmo a actuar en León. 

Foron varias as composicións do grupo, e aínda que sen poder confirmalo foron os irmáns de Pepito, Ventura e Antonio López González, a base do grupo xunto con Isaías Carballo. A finais dos 20 incorpórase Ángel Amador Pascual (primo de Ventura e Toñito), chegando en ocasións a ser un quinteto, contando cunha moza… Quizais a sogra de Alejandro R. Veirás, Flora Valiñas –haberá que seguir indagando...–

Nos anos 30 xurdiron a modo de imitación grupos en Xinzo, Entrimo... e ata de fóra da provincia; en A Coruña xurdiu aínda non fai moito tempo outro grupo de gaiteiriños.

O meu agradezemento a Modesto Pascual, por poñerme na pista desta interesante historia e a Mercedes López polo seu interese en aportarme datos así como a todos os membros da familia cos que contactei e que amablemente axudáronme a recuperar esta historia. Grazas.