Abandono do rural, unha lacra

Expertos en xestión dos montes analizan os porqués da magnitude dos lumes e as dificultades da súa prevención e extinción. Entre as razóns que xustifican a situación está a falla dunha xestión eficaz da masa forestal e un medio rural despoboado

Hai unha trinidade que configura a bomba forestal perfecta na provincia de Ourense: o abandono do rural, que converteu en monte hectáreas que antes eran de labradío e selvatizou o perímetro dos núcleos rurais; o clima extremo, con temperaturas moi altas e sequía moi extensa; e un minifundio moi arraigado, que complica a xestión comunitaria das fincas e unha prevención efectiva. Tres cables moi difíciles de cortar, segundo coinciden os expertos en xestión forestal consultados por La Región.

“Un incendio cando colle certa forza e magnitude non hai dios que o pare” sinala o decano do Colexio de Enxeneiros Técnicos Forestais de Galicia, Santiago García, que salienta que nos últimos 40 anos a configuración do medio rural cambiou totalmente. “Hai 40 anos había 800.000 hectáreas de terreo forestal, e a día de hoxe hai dous millóns e pico porque abandonáronse moitísimas terras de labradío”, asegura García, que cre que a figura do monte veciñal “xa non ten sentido se non hai veciños”. Coincide con él o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, que afirma que “o abandono rural e a non xestión das fincas dificulta a extinción dos incendios e facilita a súa propagación”, pero valora positivamente que Ourense sexa a provincia con máis monte veciñal, con 270.000 hectáreas das 660.000 de toda Galicia. ”Hai moitísimas parcelas abandonadas e son un auténtico polvorín”, advirte David Calviño, enxeñeiro de Montes, que denuncia a falta dunha política forestal e que máis da metade dos propietarios forestais non se sabe nin quen son. “No catastro hai moitas propiedades que están a nome de persoas que morreron hai 50 anos”, laméntase.

O minifundismo é un dos problemas máis graves, segundo García, que aposta por que cada concello sexa unha macrounidade de xestión forestal. “Nesa magnitude eu xa poido facer cortalumes, pistas, plantar especies preventivas ou concentrar cultivos, pero en 50 ferrados non”, afirma. Aínda que Chan explica que Ourense é a provincia galega con máis inversión pública nos montes, Calviño quéixase de que “as subvencións para o desbroce non chegan no periodo no que hai que facelas”.

Os fenómenos climáticos están convertíndose en extremos. “A primaveira e o outono prácticamente desapareceron. Pasamos do inverno máis crudo a un verán afogante. Non é normal estar a 40 grados en xuño”, reflexiona García, mentres Chan recoñece que  “estes lumes producíronse nunha situación anómala con temperaturas moi altas e máis de 6.000 raios” e Calviño advirte de que irá a peor porque os lumes cada vez van a ser máis complicados.

José Luis Chan- Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal: “Os propietarios deben xestionar a biomasa pegada ás súas casas”

“Estase naturalizando a vexetación. Ese cinturón que rodea os núcleos rurais debe estar o mellor xestionado posible para garantir a seguridade das persoas e das vivendas. Tanto os concellos como a administración deben xestionalo, pero debe haber un principio de corresponsabilidade dos propios veciños para ter garantida a súa seguridade. Son propiedades privadas e deben ser os propietarios os que xestionen a biomasa pegada ás súas casas”.

Santiago García - Decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia: “O monte en Ourense non está cuidado e ven un lume grande e arrasa con todo”

“Aínda que teñas 500 hectáreas cuidadas, se están rodeadas doutras 50.000 que non están xestionadas e ven un lume grande arrasa con todo. E o lume ten esa magnitude polo cambio climático, o combustible forestal acumulado e a falta de infraestructuras. Un cortalumes para que sexa eficaz ten que ter cinco veces a anchura da vexetación que teña a carón. Con piñeiros de 20 metros preciso un cortalumes de 100 e para facelo cómome as fincas de 50 veciños. É inviable”.

David Calviño - Enxeñeiro de Montes e expresidente da Comunidade de Montes de Puga: “Levamos 50 anos facéndoo mal. Non hai política forestal nin expectativas de tela”

“Nestes momentos non hai política forestal. Cada un fai o que lle apetece. Levamos máis de 50 anos sen política forestal seria. Como exemplo, desde o servizo de Montes de Ourense están propoñéndonos cortar piñeiros con vinte centímetros de grosor e iso é unha auténtica barbaridade. Hai unha política de rapiña forestal. Os montes de calidade son menos densos e estanos destruindo a Administración. Hai dexadez, non queren molestar ós veciños e pisan pouco o monte”.

Te puede interesar