Actividades musicais conmemoran Santa Cecilia

O Concello de Ourense quere celebrar o Día de Santa Cecilia levando a cabo distintas actividades educativas relacionadas coa música e dirixidas ao alumnado de Primaria e de Secundaria.

Un membro da Agrupación folclórica Queixumes dos Pinos desprazarase aos propios centros de ensino levando a cabo unha actividade didáctica relacionada cos instrumentos e a música tradicional galega. Está dividida en tres partes: en primeiro lugar, haberá unha explicación xeral sobre os instrumentos e a música tradicional galega e os asistentes terán a oportunidade de observar instrumentos como a gaita, o bombo, o tambor, o acordeón... Despois interpretaranse unha ou dúas pezas tradicionais acompañadas da pandeireta. Para finalizar, explicaranse os distintos ritmos da música tradicional galega e os nenos aprenderán un retrouso para cantalo posteriormente. Esta actividade terá lugar de luns a venres de 10:00 a 11:00 horas nos CEIPs Inmaculada, Manuel Luís Acuña, Mestre Vide, Virxe de Covadonga e O Couto, respectivamente.

Ás 11:30 horas do día 22 , festividade de Santa Cecilia, celebrarase un concerto na Escola Municipal de Música, MCarballo Blues Session, ao que asistirán 120 alumnos de ESO do CPR Concepción Arenal e do IES XulioPrieto Nespereira. O repertorio incluirá pezas de Elvis, Eric Clapton ou Mark Knopfler, entre outros, interpretadas con banjo, guitarra e percusión. Ás 13:20 horas, desta vez no Paraninfo do IES Otero Pedrayo, os alumnos do propio centro poderán contemplar ao vivo o trío de jazz Vivas, Cid y Abraldes, un concerto didáctico de 50 minutos de duración. 

Te puede interesar