Entrevista

Marilar Aleixandre: "A desmemoria actúa en todas as historias duras"


OURENSE (XARDÍNS BISPO CESÁREO). 01/12/2020. OURENSE. XXXIX Premio Blanco Amor. Xunto á estatua de Eduardo Blanco Amor, entregan o XXXIX Premio de Novela Longa "Blanco Amor" á escritora Marilar Aleixandre. O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do escritor Luís Tosar. FOTO: ÓSCAR PINAL
photo_camera Xunto á estatua de Eduardo Blanco Amor, entregan o XXXIX Premio de Novela Longa "Blanco Amor" á escritora Marilar Aleixandre. (Foto: Óscar Pinal)
A escritora é a gañadora do XXXIX Premio Blanco Amor de Novela por "As malas mulleres"

A escritora Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), académica da Real Academia Galega, recolleu onte o XXXIX Premio Blanco Amor de novela -simbolizado nunha escultura de Acisclo Manzano- que lle foi entregado frente á estatua do literato ourensán, nos xardíns de Bispo Cesáreo. A autora publicará "As malas mulleres"en febreiro, unha historia cuxa protagonista é unha rapaza de 15 anos no cárcere de mulleres da Coruña, A Galera. 

No discurso falou da desmemoria. Por que cre que esta historia do cárcere é aínda descoñecida? 

En todas as historias que son duras actúa a desmemoria. Na novela, son 300 mulleres amoreadas no cárcere. Estas historias están totalmente borradas, non só de fontes oficiais, senón da memoria colectiva. Sorprendeume que moitas persoas que se preocupan pola memoria da Coruña non soubesen desta historia.

É máis preocupante a desmemoria colectiva que a institucional, non sí?

Si. De aí que estes exercicios recuperan a memoria de xente anónima. Das que estaban nese cárcere, só nos chegou o nome de Pepa A Loba, pero houbo outras 300 que estaban alí e non sabemos por que.

É unha novela de traxedia ou hai salvación?

Fala da traxedia e tamén hai salvación. Hai unha serie de persoas coñecidas, como son Concepción Arenal e Juana de Vega; e outras mulleres como a nai de Emilia Pardo Bazán. Todas elas formaban varias asociacións, pero unha delas, a Sociedade da Magdalena, foi fundada para poder entrar no cárcere a ensinar ás présas a ler. Na novela digo que o cárcere non tiña que ser espazo de vinganza.

Dixo que Blanco Amor era homosexual. Parece que nos recordos do ourensán se utilizan sempre eufemismos como o amor prohibido. Séguese facendo na literatura?

Non só na literatura. Digámolo con todas as palabras, era amor homosexual, non escuro.

Tivo dificultades por ser muller na literatura?

Durante toda a miña traxectoria, tiven innúmeros atrancos por ser muller. Igual que toda a miña xeración. Nos premios literarios, todo o xurado eran homes. O machismo é tremendo en tódolos ámbitos da vida. E creo que vai mudando. A Real Academia Galega é a que maior proporción ten de mulleres. Con todo, somos poucas. 

Te puede interesar