Tenente de alcalde do Concello de Ourense

Alexandre Sánchez Vidal: ‘O BNG encomendoume un proxecto de oito anos de recorrido e vouno cumprir’

Alexandre Sánchez Vidal. (Foto: Archivo)
Alexandre Sánchez Vidal, que xa ve perfectamente encamiñada a súa estratexia para Ourense, espera contar co electorado -di que o respaldo do BNG xa o ten- para liderar, na parte que lle corresponde, a transformación da cidade nos vindeiros oito anos.
¿Por que decidiu o seu grupo a gratuidade dos autobuses urbáns para xubilados e estudantes de 16 a 18 anos?

Eu son dos que pensa que o servicio municipal de autobuses acabará sendo gratuito en tódalas cidades, pola necesidade de ordear o tráfico e o seu territorio. Agora, o cidadán debe saber que o servicio en Ourense, que pagan cos seus impostos, ten un déficit importante, sobre todo porque os billetes -salvo o ordinario que é moi pouco utilizado- están subvencionados. En época de crise nos plantexamos chegar ós colectivos afectados e aumentar o número de viaxeiros. Ourense é a cidade galega onde a utilización de transporte público é menor; e hai que cambiar eso. E empezamos polos xubilados e estudantes -con eles queremos crear unha cultura de transporte público-, sendo conscientes de que hai máis sectores que desexarían esa gratuidade -amas de casa ou parados- pero non podemos chegar a todos. Non se nos pode pedir que nun ano de goberno cheguemos con todo a todos.

Nun ano non, pero ¿cre que a finais de mandato terá encamiñados tódolos obxectivos?

Estamos nun nivel de xestión magnífico. As actuacións estructurais en materia de investimentos en barrios, vivenda, termalismo, comercio e turismo, e en deportes e cultura, están encamiñadas. Ademais, está encauzada a herdanza maldita do Plan xeral de Urbanismo; e temos enfocada a limpeza da cidade e espacios verdes, por non falar de benestar gracias ó convenio coa Vicepresidencia da Xunta. Están encarrilados os obxectivos non a catro, senon a oito anos.

¿E como vai ser esa cidade dentro de oito anos?

Confío en que estea artellada en torno á cuestión termal, conectada co comercio local e o turismo -e ahí imos moi ben aínda que nos falla a parte privada- e á mellora da productividade e xeración de emprego. E en terceiro lugar, as infraestructuras, co AVE e a ordenación urbana que suporá.

¿Vostede conta con estar aí en 2015?

Eso terán que dicilo os electores. O meu propósito é, dende logo, estar. O goberno municipal é agora un tándem que vai co ritmo moi acompasado tras un ano de adaptación, unha dirección moi ben trazada e chegando á velocidade de cruceiro óptima.

Insisto. ¿Vostede quere liderar ese camiño na parte que lle corresponde, pese a que algún sector puidera desexar a súa marcha nun futuro próximo?

En política hai de todo, e non todo vale. Pero os ourensáns que teñan a seguridade de que eu persoalmente débome á miña organización e ós meus votantes, non a intereses particulares de ningunha caste. O que me encomendaron é un proxecto que ten este percorrido e vouno cumprir, agás, naturalmente, que os ourensáns ou a miña organización me digan que non, pero non o fará nunca un interese alleo.

¿Síntese plenamente respaldado pola súa formación?

O BNG ten claro o que quere e así mo expresa cotidianamente. E o seu respaldo a mín e ó que fai o meu grupo é absoluto.

¿Tamén están cohesionados os seus concelleiros?

Se hai unha organización que asegure estabilidade, honestidade, eficacia e coherencia no traballo é o BNG. A resposta, pois, é un si categórico. Evidentemente, discutimos pero non facemos política a la rumana; aquí non hai un Ceaucescu que ordena e manda.

¿Ata onde chegan as súas aspiracións políticas?

As miñas xa están máis que colmadas.

Non me diga, alomenos quererá ser alcalde.

Eu sempre dixen que o máis fermoso é ser, claro, alcalde da súa cidade. Pero ser tenente de alcalde xa me permite ter máis que cuberto o meu ego.

Dicía recentemente o alcalde, Francisco Rodríguez, que no trato que tiña co BNG debía facer gala de certa dose de paciencia e contención. ¿Tamén exerce vostede esas virtudes no seu trato con el?

Todos temos que ter paciencia e tranquilidade, son cuestións imprescindibles. Dende o BNG temos que exercitarlas porque o PSOE é un partido de Estado, ten un modelo de xestión diferente, está afeito á confrontación bipartidista co PP e ás veces non entende que os mapas políticos de Ourense e de Galicia son a tres, e están feitos para quedarse. E nós tamén temos que modular as nosas posicións porque vemos que o PSOE ten unha condición moi pouco respetuosa coa pluralidade política real.

A oposición do PP pretende investigar as obras de Bedoya, Paz Nóvoa e os paneis informativos. ¿É unha campaña contra o BNG ou realmente hai irregularidades?

O PP está completamente desnortado porque ve que non vai gañar as eleccións autonómicas e eso o ten absolutamente enrevesado. Están moi nerviosos e teñen a consigna de tensionar a vida política. Unha persoa como Enrique Nóvoa, que dicía que en política non todo vale e que é consciente de que, cando gobernaba, tivo que facer cousas que eran claramente ilegais, agora se permite o luxo de pedir comisións de investigación. Paréceme increíble porque tiveron acceso dende o primeiro momento a toda información e reto a que diga se nalgún momento se lle denegou o acceso. O portavoz do PP está a ser un títere, prisioneiro dunha estratexia que lle teñen marcada, por exemplo cuestionar que se invirtan 1,4 millóns nesas rúas, pedirnos que devolvésemos a subvención, cando se fai todo legalmente, nestes casos polo procedemento de urxencia, que é legal.

¿Sente que ten o respaldo do alcalde nestes asuntos, e sobre todo no caso dos paneis, bloqueados precisamente polo rexidor, pendente de informes?

O PP tamén vai contra o PSOE, di que o contrato do PXOM e o comedor sobre rodas son ilegais. Por eso, reto ó portavoz a que vaia ó xulgado e o demostre. Eu non me vou poñer a detallar a cantidade de veces que Nóvoa fixo obras sin permisos, e incluso con sancións doutras administracións.

Pero terá que explicar o dos paneis.

Ben, esto iníciase dende a Concellería de Turismo, por interese público. En Vigo, Santiago ou Carballiño concedéronse simplemente cunha autorización. En Ourense, o PP fixo sempre estas cousas sin ningún tipo de concurso nin contrapartidas. Chega o BNG e xestiona cunha serie de empresas, das que unha monta os paneis gratis, da servicio gratuito de wifi prácticamente a toda a cidade, acceso á información institucional, veciñal e a programación ofrecida polo Auditorio. Pode haber algún erro de administración pero que queiran ver intereses espúreos me parece denunciable. E é normal que se retiren asuntos da xunta de goberno, como pasou neste caso, para pedir informes.

¿Gustoulle a fotografía dos seus concelleiros nos baños públicos en obras?

Ás veces, en política a propia ansiedade por que a xente coñeza o que facemos, provoca que os políticos poidamos pasarnos de voltas. Pero o que é certo é que a demanda de reparación dos aseos é unha necesidade, e prefiro quedarme con esa parte.


Te puede interesar