Alfonso Zarauza: "Malencolía está indo especialmente ben nos cinemas de Ourense"

Zarauza (JOSÉ PAZ).
photo_camera Zarauza (JOSÉ PAZ).
O director de "Malencolía", película estreada o pasado venres e rodada de forma íntegra en Ourense, celebra a súa boa acollida.

Alfonso Zarauza é o director de Malencolía, unha película estreada o pasado venres, rodada de forma íntegra en Ourense e que está tendo unha acollida “moi boa” por parte do público xeral. Nela, Zarauza indaga no xénero do terror a través de Pepe e Sira, unha parella que regresa a Galicia tras dez anos fóra e que ao chegar á aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar veciña chamada Isolina.

Como acolleu o público a Malencolía?

Estamos moi contentos, porque nunha época na que a xente non vai ao cine, Malencolía está saíndo ben parada, especialmente na provincia de Ourense.

Polo apego que a xente pode sentir ao vela?

A ourensanía do filme é indubidable. Está rodada en Ourense, financiada en parte pola Deputación… É enteiramente ourensá.

Por que recomendaría ir ver a película?

Creo que é o meu filme máis divertido e amable co espectador. Ten toques de humor, intriga… por iso creo que é moi atractiva. Ademais, os dez actores están moi ben caracterizados e están moi ben no seu papel.

Malencolía en pouco se parece a Ons ou a Os Fenómenos, por que este cambio?

Porque fago as películas baseándome no meu momento vital. “Os fenómenos” escribino en 2010, en plena crise, e foi rodada en 2012, coa xente sufrindo; polo que non me parecía ben facer algo frívolo. En “Ons”, viña de varias rupturas amorosas de relacións longas, polo que me apetecía falar da falta de comunicación das parellas ao final das relacións. Agora apetecíame algo máis divertido, quizais porque estou nun momento máis así na viña vida.

O terror. Un xénero que nunca traballaches, pero que tes interiorizado coma calquera galego.

Exacto. No noso ADN está a cultura do medo, dos contos da lareira, da Santa Compaña… para nós é algo moi achegado. Se ben é certo que tanto na literatura como na cultura popular é un tema moi tratado, mais no cinema non é tan habitual. É un tema ben noso, polo que nos resulta moi achegado e familiar.

O elenco. Outro factor que explica o bo recibimento?

Creo que si. Son actores moi coñecidos e de moita calidade. Traballei con actores como Luis Tosar ou Lola Dueñas; pero creo que estes actores son iguais ou mellores ca os que son coñecidos en toda España. Ademais, tamén hai actores ourensáns como Ledicia Sola ou Tito Asorey. 

Para este pulo do cinema galego, son fundamentais iniciativas coma a da Deputación de Ourense.

Creo que a Deputación está sendo pioneira no apoio ao cinema galego. É fundamental que tenten atraer filmes e que os axuden a saír adiante; neste senso, é un organismo moi adiantado a nivel español.

Como é facer cinema en Galicia e en galego? Como está a situación?

Estamos mellor que nunca. Agora entendemos que podemos facer o mesmo que en calquera parte do mundo. Creo que hai que cambiar de mentalidade e pensar que dende aquí pódense facer cousas de calado internacional, xa non só a nivel do cinema, senón de calquera outra rexión do mundo.

Te puede interesar