Ana Barrios, reelexida como secretaria xeral de CCOO-Ourense

Baixo o lema 'Loitaremos por un futuro con dereitos', a unión intercomarcal de Comisións Obreiras de Ourense celebrou onte o seu sétimo congreso, no que se elixiu cun apoio practicamente unánime a Ana Barrios, como secretaria xeral, mentras que para a comisión executiva foi elixida a candidatura integrada por Lola Panero, Áurea Pérez, Purificación Paradela, Julio González, Benxamín Vences e José Gómez. En ámbolos dous casos, presentábanse unha única candidatura.
Asimesmo, neste proceso congresual elixíronse tamén aos 12 delegados que en representación da afiliación do sindicato en Ourense asistirán ó décimo congreso galego da organización, que se celebrará o 24 e 25 de xaneiro de 2013 en Santiago de Compostela.

Ó ACTO DE ONTE ASISTIRON 60

delegados en representación da afiliación das distintas ramas e sectores produtivos da provincia que tamén debatiron os documentos de acción sindical que rexerán a actuación de Comisións Obreiras perante a gravísima crise que 'tan inxusta e brutalmente está gravando á clase traballadora e aos sectores más desfavorecidos', segundo indicaba a organización sindical nun comunicado.


FOLGA E TAXAS XUDICIAIS

Por outra banda, no congreso tamén se respaldaron dous pronunciamentos, de apoio á folga xeral do próximo mércores e de rexeitamento da Lei de taxas xudiciais. Así, ademais de chamar á mobilización ós cidadáns na xornada de folga en defensa dos dereitos, o sindicato tamén amosou a súa preocupación polas novas taxas xudiciais, que poden converter nun 'luxo' o acceso á Xustiza.

Te puede interesar