demografía

Ana Miranda: "O criterio demográfico é unha oportunidade"

Ana Miranda.
photo_camera Ana Miranda.

Ana Miranda  (1971) formou parte do Parlamento Europeo entre 2012 e 2013, e posteriormente dende 2018.

Que sensación hai tras estes últimos anos?

Hai unha oportunidade, que é a loita contra o despoboamento. Loitamos para que houbese máis fondos para combatelo, incidindo en que toda Galiza, pero sobre todo as provincias do interior, como Ourense, teñen un problema de envellecemento e de abandono do rural e, sobre todo de falla de xente nova. As emendas pasaron e por iso hai unha oportunidade. O que pasa é que dependerá da Xunta e do Goberno desenvolver os plans, e veremos quen goberna no 2021, cos novos fondos.  Dependerá dos gobernantes de aquí, e coa Xunta actual non o vexo.

O reto demográfico está xa asentado en Europa?

Si, e por sorte será subvencionable combater o despoboamento. Se non se toma esta oportunidade como un cambio real, logo xa chegaremos tarde. Fondos vai haber.

Rebáixannos de categoría e perderanse fondos...

Co Brexit pode haber un impacto moi grande de perda de fondos. Pero esta perda xa vén desde 2013, cando se negociou o anterior paquete lexislativo. O que pasa é que co criterio demográfico hai unha vantaxe, e o que perdemos por un lado, poderiamos telo por outro, en proxectos destinados a traer retornados, xente moza... Hai que ter vontade, porque Ourense é das provincias que máis oportunidades pode ter. 

Antes os fondos viñan por Ourense e marchaban á franxa atlántica....

Os fondos usábanse con carácter electoralista e como Ourense non interesaba... A trampa estivo aí, investiuse máis onde interesaba, pero agora hai fondos que co criterio demográfico terán que ir a Ourense. 

Outro dos eixos parece ser a Política Agraria Común...

Hai unha política relacionada co tema da prevención de incendios. Vendo o que pasou na Serra do Xurés e moitos concellos de Ourense, nos que a prevención se fixo tarde e que en zonas de Rede Natura non hai suficientes medios, é clave buscar unha solución. Por outra banda, están as políticas relacionadas coa innovación. Ourense ten polos estratéxicos, como pode ser a viticultura. Hai un problema coa entrada das uvas híbridas, e que pode afectar nunha provincia con catro denominacións de orixe. 

Que facemos cos ríos?.

É preocupante, como teñen denunciado en Ourense capital, Xinzo,  Verín, ou o encoro das Conchas. Hai que buscar unha solución canto antes. E a min preocúpame que o saneamento aínda non chegou a moitas aldeas e estamos en 2019.

Te puede interesar