Ana Pontón chama en Ourense a concentrar no BNG “o voto do cambio”

Presas, Pontón, Seara e Tabarés, paseando onte pola Ponte Vella.
photo_camera Presas, Pontón, Seara e Tabarés, paseando onte pola Ponte Vella.
Ana Pontón pediu o apoio dos ourensáns: “Outro Ourense é posible”

A candidata á Presidencia da Xunta polo Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, chamou ós ourensáns a concentrar “o voto do cambio” na súa formación. Pontón visitou onte a cidade das Burgas para pedir o apoio dos votantes da provincia: “Imos estar á altura da súa confianza e imos demostrarlles que hai outro Ourense e outra Galiza posible”.

Ás portas do peche da campaña, Pontón sinalou Ourense como “clave no cambio”, e suxeriu a “apostalo todo” á papeleta do BNG para ter motivos “para mirar o futuro con esperanza”. A líder nacionalista chamou a toda a xente que quere deixar atrás estes “15 anos de retrocesos”. Neste sentido, sinalou que “perdemos poboación, industria e emprego, sectores produtivos, mocidade e talento que emigra e tamén vimos como perdiamos peso no Estado”.

Por iso, Pontón declarou que “se queremos comezar a gañar, temos que apostar por algo diferente”. Cualificou como “evidente” que “quen é parte do problema non pode ser parte da solución”, e apelou a “unha gran mobilización” nas urnas este domingo para “abrir un tempo novo”.

En Ourense, Pontón estivo acompañada pola cabeza de lista na provincia, Noa Presas, e o portavoz municipal do BNG, Luís Seara, entre outros membros da formación. Presas dirixiuse a todas as persoas “ás que lles doe Ourense” e ás que están “desencantadas” da “política e o ruído”. Pediulles apoiar ó BNG mañá: “Se todas as persoas que queremos un futuro diferente para Ourense nos mobilizamos, este 18F seremos unha praza decisiva para o cambio”.

A candidata ourensá animou ós votantes da provincia a que non se deixen levar pola resignación: “A ferramenta máis poderosa para acabar coa discriminación de Ourense é un goberno dirixido por Ana Pontón”, aseverou antes de subliñar o “compromiso” da aspirante á Presidencia coa “cohesión territorial” e a “igualdade entre galegos e galegas”: “Aproveitemos esta oportunidade histórica para Ourense e para Galiza”, aseverou.

“Facer historia”

Ana Pontón fixo fincapé en que “está ó alcance das nosas mans facer historia” coa primeira muller presidenta. Unha presidenta, tal e como dixo, “que lle vai devolver ós galegos e ás galegas a confianza, e sobre todo a esperanza, en que somos un gran país, capaz de conseguir grandes cousas”.

Pontón engadiu que, de gobernar, terá “as mans libres para defender os intereses de todas e de todos os galegos”. Isto, sen estar “condicionada” polas decisións de Madrid, senón “única e exclusivamente” pola cidadanía galega. Ademais, comprometeuse coa defensa dos servizos públicos, á atención ás persoas maiores nas súas casas e a desenvolver “un país produtivo”.

Te puede interesar