Ana Pontón, en clave electoral: 25 medidas en prol de Ourense

Iago Tabarés, Noa Presas, Ana Pontón, Diego Lourenzo e Cristina Cid.
photo_camera Iago Tabarés, Noa Presas, Ana Pontón, Diego Lourenzo e Cristina Cid.

Ana Pontón visitou Ourense para presentar o “Plan Ourense Vivo”

A candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, presentou onte o “Plan Ourense Vivo, un proxecto con “25 eixos para revitalizar Ourense tras 14 anos de retroceso e abandono do goberno do PP”. Nun acto no que estivo acompañada polo grupo parlamentario, deputados provinciais, así como alcaldes e responsables de todas as comarcas ourensás, a voceira nacional do Bloque sinalou que este “ambicioso proxecto” será incluído no seu plan de goberno para “aproveitar todo o potencial de Ourense”. Ademais, remarcou que este plan será presentado aos axentes económicos, sociais e culturais para “enriquecelo” coas súas propostas. O seu obxectivo ultimo é “cambiar a discriminación histórica” da provincia e lograr dar “equilibrio territorial ao país”.

Pontón salientou algunhas das medidas coas que conta o documento e que atinxen a temas coma os servizos públicos, o desenvolvemento económico, o medio rural ou as infraestruturas:

  • Equilibrio territorial: Neste eido, a candidata nacionalista á Xunta anunciou que, de ser elixida presidenta, faranse estratexias específicas para “corrixir os desequilibrios” en comarcas como A Limia, A Raia, Valdeorras ou O Ribeiro. Ademais, comprometeuse a impulsar a “axenda territorial galega”, xa que será “unha presidenta coas mans libres”.
  • Servizos públicos: Pontón fixo fincapé na necesidade de “discriminar positivamente” o rural ourensán para lograr fixar poboación nestas zonas. Así, o proxecto do Bloque contempla incremento de residencias de maiores e centros de día públicos e tamén unha rede de servizos de proximidade de teleasistencia e axuda a domicilio. Tamén se contempla o reforzo da atención primaria, garantindo que “todos os nenos teñan acceso á pediatría, impulsando o remate do CAPD, reducindo as listas de agarda ou “creando novas unidades, como a de Xeriatría e Ictus no CHUO ou como a de Neumoloxía, con especial atención á silicose, en Valdeorras”.
  • Termalismo e investigación: Sobre a reactivación dos sectores produtivos, Pontón subliñou a importancia de Ourense como “motor da Galicia termal”, levando esta actividade “máis alá do turismo”, creando liñas de investigación e desenvolvemento para a aplicación de usos de augas termais e mineromedicinais. No eido investigador, tamén propoñen os nacionalistas crear un centro de estudos do cambio climático.
  • Revitalización económica: O rural destácase como peza clave para o Bloque. Pontón enumerou medidas para reactivalo como plans de apoio ao pastoreo de gando nas comarcas do Macizo Central ou a Baixa Limia, algo que tamén será “fundamental” para a loita contra o lume. Ademais, tamén propoñen medidas específicas para a pataca, o cereal e o viño. Por último, os nacionalistas tamén mencionaron a necesidade de crear unha “Mesa da Industria” na que se “impulsen as infraestruturas pendentes como a estación de mercadorías do Polígono de San Cibrao, o aumento do chan industrial ou o reforzo estratéxico das relacións económicas con Portugal”.

Te puede interesar