A asociación celebrou unha gala con desfile para dar a coñecer a liña Q de prendas exclusivas

Aspanas mantén a súa aposta pola reciclaxe creando roupa

A III Gala de Aspanas celebrouse onte no Auditorio Municipal incorporando desfiles, música e teatro que encandilaron ao público. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A asociación Aspanas, todo un referente en Ourense, quixo facer partícipe aos cidadáns, -como en todos os seus proxectos- do lanzamento da súa nova liña de roupa reciclada, a liña Q, da marca Quero Ser.
Todo isto nun contexto no que a moda está á orde do día e no que a globalización impón uns cánones de beleza preestablecidos. Así, o proxecto baséase na reutilización e a reinterpretación de prendas de vestir de segunda man, con deseños novos, creando prendas únicas e exclusivas. Os traballos son obra do CEE Aspanas Termal. Este novo proxecto da continuidade ás coleccións de bolsos e complementos que xa se facían de xeito artesanal dende o colectivo.

As novas coleccións de roupa, en total catro, presentáronse onte no marco da III Gala de Aspanas que tivo lugar no Auditorio Municipal e que contou coa presenza de numerosos veciños, representantes políticos e co popular Capitán Aspanitas.

A iniciativa foi presentada polo recoñecido actor ourensano Rubén Riós, que foi o encargado de introducir a actividade, e unha interpretación do cantante Tonhito de Poi clausurou a gala. Un total de 28 traballadores de Aspanas, así como alumnos de talleres prelaborais participaron na iniciativa, moitos dos cales desfilaron para lucir os novos deseños que se poderán adquirir nunha tenda emplazada na rúa Doctor Marañón. Tamén houbo representacións teatrais que mantiveron a atención dun público do máis heteroxéneo que aplaudiu sonoramente cada actuación.

Este novo reto da conta das inquedanzas da asociación que segue abrindo novos mercados mantendo a súa filosofía de respeto ao medio ambiente co horizonte da inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual. A marca Quero Ser combina técnicas tradicionais produtivas tradicionais á vez que innova con materiais reciclados. Dende a asociación quixeron reivindicar unha vez máis a súa aposta pola reciclaxe como factor de xeración de emprego, así como destacaron que 'outra forma de facer empresa é posible'.

Te puede interesar