DRONS

"Ataques" aéreos con tecnoloxía ourensá fronte a vespa velutina

Trátase dunha iniciativa pioneira desenvolvida desde Ourense

A Deputación de Ourense está a colaborar cunha iniciativa pioneira desenvolvida desde Ourense no ámbito medioambiental para a combater á vespa velutina, un insecto invasor que pon en risco a produción apícola, mermando o papel polinizador das abellas, e supón tamén unha ameaza para as persoas. Trátase de atacar por vía aérea, por medio de drons, o niño desta especie inxectando a través dunha pértiga extensible incorporada no dron unha substancia no interior do niño que neutraliza o hábitat da vespa raíña e do resto da colmea, provocándolles a morte e impedindo o seu desenvolvemento.

Neste sentido, a Deputación de Ourense colabora coa empresa Aerocámaras -situada no Parque Tecnolóxico de Galicia (San Cibrao das Viñas)-, que desenvolve esta técnica, a cal realizou hoxe a primeira proba nun niño situado en Celanova, o cal neutralizou en apenas dez minutos, o tempo que tardou o dron en despegar, aproximarse ao cumio da árbore, despregar a pértiga e inxectar a substancia no interior do niño. Esta actividade levouse a cabo coa colaboración da Mancomunidade Terra de Celanova, cuxo presidente, José Antonio Pérez, e o xerente de Aerocámaras, Jaime Pereira, acompañaron ao presidente da Deputación de Ourense durante a demostración desta innovadora técnica.

Manuel Baltar felicitou a Aerocámaras e agradeceu a colaboración da Mancomunidade Terra de Celanova “porque este é un éxito medioambiental de todos”, e dixo que a Deputación de Ourense “está na vangarda da formación, cun aula no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, e con espazos para prácticas na contorna do Pazo de Vilamarín, todo elo para contribuír ao desenvolvemento de tecnoloxías con drons, impulsando con Aerocámaras iniciativas das que son exemplos medioambientais a loita contra a vespa velutina ou innovacións aplicadas á detección e extinción de incendios forestais, nas que se está a traballar”.

O presidente do goberno provincial destacou “a pericia técnica e a capacidade de innovación de Aerocámaras, empresa coa que a Deputación de Ourense mantén unha alianza desde hai anos, que permite a formación de técnicos das administracións e seguir investigando e innovado no que atinxe ás aplicación dos drons en diferentes actividades”.

Pola súa banda, Javier Pereira explicou que a Aerocámaras leva traballando dous anos neste proxecto que hoxe se fixo realidade e cuxa innovación consiste na montaxe dun dron específico para combater a vespavelutina que leva incorporada unha pértiga estabilizada que permite a aproximación á árbore para poder inxectar un líquido no niño, controlando á vez o dron e a pértiga. A vantaxe deste método de acometida aérea é unha mellor accesibilidade, xa que en moitos casos a altura do niño ou no lugar no que se atopa, no medio do bosque, dificultan o poder achegarse a el.     

Precisamente, neste ámbito de vangarda no uso dos drons que impulsa a Deputación de Ourense, o Pazo de Vilamarín acolleu días pasados as sesións prácticas do primeiro curso oficial homologado que se imparte en España, organizado pola Deputación de Ourense en colaboración con Aerocámaras, para pilotos de drons en situación de emerxencia. O simulacro consistiu na localización dunha persoa ferida nos arredores do pazo, labor que durou quince minutos e que facilitou a máxima coordinación cos equipos de rescate e sanitarios.

Te puede interesar