Entrevista

Aurora Marco: "O grupo feminino do partido galeguista de Ourense foi coñecido e moi importante"

Aurora Marco. (Foto: Pablo Ces)
photo_camera Aurora Marco. (Foto: Pablo Ces)
A investigadora protagoniza no Liceo a conferencia "Irmandiñas e republicanas"

Hoxe conmemórase o 90 aniversario da República. A investigadora Aurora Marco protagoniza ás 20,00 horas no Liceo a conferencia "Irmandiñas e republicanas". Está organizada por  Amigos da República, no marco dos actos semanais que inclúen homenaxes e mesas redondas.

Por que convén lembrar a República en pleno 2021?

Son unha muller que reivindico a República dende hai moitísimos anos. No século XXI, un réxime baseado no vitalicio e no hereditario non só non ten sentido, senón que non é propio da democracia. E nos últimos tempos vemos que é unha monarquía corrupta.

Agora hai máis corrupción?

Antes era un tema tabú. Todo o relacionado co rei Juan Carlos era tabú. O que acontece é que hai cousas que non se deben consentir.

Como cales?

Esa cantidade de diñeiro amasado que non se sabe ben de onde procedía. Esa forma de actuar que debía de ser exemplar, resulta que foi todo o contrario. E non só por parte do rei, senón de toda a familia.

E por parte dos políticos non?

Hai organizacións políticas que dende hai tempo veñen reclamando, polo menos, que haxa un referendo para que a xente decida se quere monarquía ou república.

Leva anos recuperando historias de mulleres galegas. Como foron as da República?

Levo máis de 30 anos recuperando historias de mulleres de tódolos ámbitos. Comecei polo ensino e as letras porque era a miña profesión. Hai mulleres que tiveron unha actividade política. Fixeron as súas achegas na etapa republicana nos partidos políticos, iso que aínda o papel das mulleres non conseguira os logros que elas buscaban.

Quen son as “irmandiñas"?

As mulleres que formaron parte das Irmandades da Fala, fundadas en 1916, e que batallaban cada unha desde o seu ámbito de actuación pola defensa de Galicia e da lingua galega. Dentro das irmandiñas, hai moitísimas republicanas.

E non pode ser casualidade…

Efectivamente. Defendían Galicia, loitaban pola recuperación da fala e a consecución da autonomía e xogaban un papel importantísimo na construción do país. Despois houbo mulleres que se agruparon e fixeron un grupo feminino.

Que papel tiñan as ourensás?

Entre 1916 e 1936, só se formaron tres grupos de mulleres fortes. Dous na Coruña e o Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense, onde houbo mulleres coñecidas porque compartían a súa vida con Risco, Peña Rey, Otero Pedrayo…Foi moi importante. 

Fala de pioneiras en momentos complicados para alzar a voz. Agora, quen son as silenciadas e porque algunhas teñen medo?

Medo a alzar a voz xa non hai, a non ser en determinadas circunstancias. Temos conseguido algúns avances. O que acontece é que aínda falta moito para a igualdade. 

Te puede interesar