VELUTINAS

Barbadás pon a mira na avespa velutina cun cento de trampas

Arsenal de Protección Civil de Barbadás contra as velutinas.
photo_camera Arsenal de Protección Civil de Barbadás contra as velutinas.
Protección Civil de Barbadás xa se prepara para combater á velutina

O Concello de Barbadás pon no seu punto de mira a avespa velutina. O consistorio metropolitano activou un plan de control que pretende atacar a expansión desta especie invasora. A folla de ruta constará de dúas fases, cunha primeira parte enfocada na prevención dos aniñamentos e unha segunda centrada en eliminar os propios niños, segundo detallaron onte fontes municipais.

Agora, na primavera, é cando as raíñas saen da hibernación e tratan de buscar un emprazamento vantaxoso para establecer cadanseu niño. O Concello quere combater isto colocando un cento de trampas con atraínte. O obxectivo, cazar estas avespas raíñas e evitar a proliferación de niños secundarios.

Posteriormente, os particulares que teñan constancia da presencia dos niños poderán chamar aos teléfonos 012 ou 112 para alertar da súa presenza. Os membros de Protección Civil de Barbadás acudirán á chamada, neutralizarán os aniñadoiros cun spray insecticida e retiraranos manualmente.

Outra posibilidade é que empreguen unha arma que acaba de adquirir o Concello: unha escopeta de aire comprimido. O concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, comentou que este método implicará “moito menos risco” para os membros de Protección Civil, e avisou de que os niños, aínda que inactivos, permanecerán no lugar. Instalarase un cartel informativo informando de que xa se actuou.

O plan antivelutinas do Concello de Barbadás tamén inclúe charlas de sensibilización nas asociacións veciñais.

Te puede interesar