Aínda que os protagonistas eran os animados deseños de Pepe Carreiro, os nervios e a emoción dos pequenos espectadores mandaron durante o circo de Nadal 'Brincabolechas' que onte tivo lugar no Auditorio.

Os Bolechas brincan polo Nadal

Os Bolechas presentáronse ante os máis pequenos cantando e bailando.  (Foto: FOTOS: MARTIÑO PINAL)
Mira, mámá! É o coche dos Bolechas!' Nervios, moitos nervios para recibir ós irmáns animados polo debuxante Pepe Carreiro e que agora cobran vida gracias á maxia do Nadal. Coas entradas xa esgotadas, o característico automóbil dos bonecos dáballe a benvida ós centos de rapaces que onte tiraron dos seus pais e familiares ata o Auditorio Municipal. Nerviosos percorreron tamén a entrada do recinto tomando fotografías virtuais con eles e xogando a descubrir o universo dos famosos personaxes literarios.
'Brincabolechas' é o nome do circo de Nadal, pero mesmo máis ca eles brincaron os pequenos ós que a emoción lles impedía agardar sentados pola chegada da festa sobre o escenario, a pesar de que os acompañantes trataban, por activa e pasiva, de facerlles tomar a merenda. A emoción era tal que nin fame tiñan pero foi aínda en aumento cando as luces do patio de butacas minguaron para fixar a atención no circo.

Os actores Pepa Yáñez e Víctor Mosqueira actuaron como mestres de cerimonias. Cantaron, bailaron e pelexaron coa 'mala, malísima', que a cada pouco saía para intentar estragar o espectáculo. A banda sonora non podía ser outra máis que as coñecidas cancións dos Bolechas, pero de agasallo de Nadal chegaron a Ourense cargados de novos temas musicais. O circo constituía outro aspecto central da xornada e, por iso, non faltaron as acrobacias, os malabares e o humor. Pero como o labor dos Bolechas é, ademais da diversión, tamén o coidado do aspecto educativo, os bonecos ensinaron ós máis pequenos a separar o lixo nos seus respectivos colectores para reciclar.

Membros da compañía Xarume déronlle corpo ós personaxes, mentres que o grupo Pistacatro encargouse da parte circense. Brincabolechas, que encheu o Auditorio de Ourense, como xa fixo no resto das cidades galegas, é un espectáculo producido por Edicións Bolanda.

Te puede interesar