Veciños de dúas parroquias benefícianse dun proxecto de mellora

Camiños renovados para a vendima en Ribadavia

Traballos de acondicionamento do camiño da Eiroa, en Esposende. (Foto: LR)
Os veciños das parroquias ribadavienses de Santo André e Esposende disporán en poucos días de dous camiños en perfectas condicións para o paso de vehículos de transporte de uvas na vindeira vendima. Tanto o camiño de Lamesiños, en Santo André, coma o da Eiroa, en Esposende, son 'infraestructuras que se atopaban moi deterioradas e dun uso frecuente por tódolos viticultores destas localidades', suliña o concelleiro de Obras, Javier Iglesias.
Por iste motivo, o Concello de Ribadavia presentou neste ano ante a Xunta o correspondente proxecto de acondicionamento, dentro do Plan Especial de Infraestructuras (PEIM), xa que o estado dos camiños 'aconsellaba actuar neles á maior brevedade posible' e antes do mes de setembro, época da vendima, para que os veciños poidan acceder ás suas fincas en boas condicións.

Cun investimento global de 38.000 euros, os traballos consistiron na ampliación do ancho da calzada ata os 3,50 metros e o formigonado do firme. O alcalde, Marcos Blanco, quixo resaltar a importancia destas pequenas obras no rural do municipio, xa que 'o noso deber é poñer á disposición dos veciños infraestructuras axeitadas para o traballo que centos de viticultores demandan nestas vindeiras datas de vendima', e lembrou os traballos realizados o ano pasado en Francelos e A Quinza.


OPOSICIÓN

O equipo municipal de goberno de Ribadavia, unha vez rematado iste acondicionamento, continuará co seu programa de mellora nos camiños das distintas parroquias, contando coa axuda da Xunta. Para elo, Marcos Blanco asegura que 'chamaremos tamen a oposición, como xa fixemos en anos anteriores, para consensuar as obras que sexan prioritarias'.

Te puede interesar