O proxecto, que sitúa a súa data de pleno desenrolo no ano 2015, crea cinco clusters de I+D para organizar o traballo

O Campus especialízase na auga para crear iniciativas empresariais

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, explicou onte no Campus de Ourense as liñas de orientación do Campus da Auga. (Foto: MARCOS ATRIO)
O Campus de Ourense definirá nos vindeiros meses o plan de acción que recollerá as estratexias que seguirá a Comisión de Coordinación Científica do Campus da Auga para a maduración deste proxecto que sitúa a súa data de pleno desenrolo no ano 2015.
O denominador común é un só elemento, a auga, así como a explotación e aproveitamento deste recurso na provincia como motor de crecemento e desenvolvemento a partir da investigación e que involucra a todas as titulacións do campus. A estructura organizativa do proxecto diuse a coñecer onte, durante o acto de presentación do mesmo, e consiste en cinco clusters de I+D entorno á tecnoloxía informática, ao medio ambiente, á alimentación, innovación social e educativo e o turismo como elemento central.

O Campus da Auga parte da investigación mesturando as sinerxias da provincia que dotarán de personalidade propia ao campus á vez que facilitarán a súa visibilización no exterior. Un terreo no que tamén entra en xogo o tecido empresarial de Ourense. Así, tal e como adiantou no pasado mes de abril o Consello de Campus de Ourense a súa apertura á sociedade comezou onte cun acto ao que acudiron numerosos profesores, alumnos e investigadores, así como representantes do tecido empresarial da cidade.


GARANTÍAS DE FUTURO

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, explicou que con esta iniciativa se pretende 'singularizar' ao Campus de Ourense a través da 'especialización' para lograr que sobreviva e que teña futuro. No acto, tamén estiveron presentes o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o presidente da propia Comisión Científica, Santiago Lago, e a vicerreitora do Campus de Ourense, María Lameiras.

Tamén o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, incidiu na especialización como plantexamento necesario para o futuro do campus. Asemade, durante a súa intervención apuntou que 'a Xunta aplaude este proxecto' e que o apoiará ao entender que obtivo resultado noutros lugares.

O Campus da Auga traerá consigo 'a mobilidade de profesores e alumnos, unha marca enraizada na cultura e no potencial de Ourense, así como na medida en que nos organicemos poderemos respostar á demanda do tecido empresarial e institucional', segundo concretou Salustiano Mato.

O presidente da comisión científica, Santiago Lago, explicou que, a partir de agora, o traballo da comisión será elaborar 'un inventario

no terreo do concreto, de cales son as cousas que se están a facer e que se poden facer vinculadas á auga para tratar de ordenar todo este potencial investigador'.

No caso de Ourense, recordou que existen unha serie de 'vectores' relacionados coa auga 'como por exemplo o termalismo.

Te puede interesar