Integrantes das listas dos tres partidos acompañaron ós veciños nun xantar popular con motivo do V Día Termal

Os candidatos coincidiron na Chavasqueira

Rosendo Fernández e José Luis Baltar saudan ós veciños á súa chegada ó recinto. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Os veciños da zona da Chavasqueira celebraban onte o seu V Día Termal e, posto que as datas desta celebración coincidían coa campaña electoral, os organizadores convidaron ós membros das candidaturas dos tres partidos a achegarse ata o Campo da Feira para acompañalos nun xantar popular.
Os primeiros en tomar asento foron algúns dos membros do BNG, aínda que en realidade xa chegaran á zona horas antes para participar na Andaina que abriu a actividade da xornada. O chándal foi o uniforme escollido por algúns dos nacionalistas, mentres que outros como Isabel Pérez ou Fernando Varela, uníronse a eles por volta das 14 horas. A primeira procedía dunha rolda de prensa xunto ó candidato do BNG en Barbadás, Xosé Manuel Fírvida e, quizais por iso, a súa vestimenta non era xa tan deportiva.

Pouco antes de que a mesa reservada para os membros da candidatura nacionalista se cubrise, facían entrada os dous primeiros candidatos da lista popular, Rosendo Fernández e José Luis Baltar. Minutos despois uníronse a eles outros integrantes da lista como Abel Fraga, José Araújo, Belén Iglesias, Carmen Carballo ou José Mayo, entre outros.

Pasaba xa das 14.20 horas cando o candidato do PSOE e actual alcalde, Francisco Rodríguez, chegou ó Campo da Feira. Xunto a el entraron tamén algúns dos seus compañeiros de lista electoral para estas eleccións municipais. Media ducia de veciños recibiron a Rodríguez con aplausos e berros de 'alcalde, alcalde'. Quen tamén se deixou ver polo xantar popular da Chavasqueira foi o candidato de Esquerda Unida, Jon Saez.

O ritual que seguiron os políticos foi similar. A chegada ó recinto transcorreu paralela ó saúdo ós compañeiros de partido. Seguiu a este un 'hola, que tal?' ós candidatos do resto de partidos. Pero como quen en realidade importan son os veciños, os electores, os sorrisos non escasearon para recoller parabéns, novidades, cumprimentos ou queixas dos presentes. As indumentarias dos políticos eran tamén semellantes. Uns, os do BNG, lucían unha pegatina na solapa. Outros, os do PP, combinaron os adhesivos coas chapas en apoio de 'RA11' (Rosendo, Alcalde 2011). Aqueles, os do PSOE, evitaron o sol que pegaba en Ourense con viseras negras estampadas coas siglas do candidato, 'FR', en vermello.

A espera polo xantar fíxose menos espera gracias á música. Primeiro actuaron as Cantareiras da Chavasqueira e mais tarde foi o Trío Lúa quen deu son ó V Día Termal.

Te puede interesar