Cangas rendiu homenaxe ó ourensán Xaime Enríquez cun recital dos seus contos

 Portada do libro que recolle contos de Xaime Enríquez.  (Foto: José Paz)
Escritores, actores e amigos de Xaime Enríquez reuníronse onte no Auditorio de Cangas, para rendir homenaxe ó escritor ourensán, falecido o ano pasado. O acto incluiu unha actuación coral, un recital poético e unha lectura dos contos do homenaxeado.
A celebración do Día das Letras Galegas en Cangas do Morrazo tivo onte unha forte componente ourensá, xa que se rendiu homenaxe a Xaime Enríquez, falecido o ano pasado.

O acto, que tivo lugar no Auditorio municipal ás 20.30 horas, contou cun recital a cargo da Coral Polifónica Lestonnac, un recitado poético de Xosé María Álvarez Cáccamo e Xosé Vázquez Pintor, e unha lectura de contos do propio Xaime Enríquez a cargo de actrices, actores e xentes do teatro, como Casilda García Alfaro, Mónica Camaño, Zé Paredes, Xosé Manuel Pazos, e intervencións de vellos amigos, como Xosé Manuel Martínez Oca. No transcurso dos actos programados tamén se fixeron públicos os premios anuais de Cultura creados polo Concello de Cangas: á labor cultural, á creación cultural e á Protección do Patrimonio.

A vida de Xaime Enríquez transcorreu entre o seu Ourense natal e Cangas, onde a familia tiña casa e longo arraizamento, e onde contribuíu á fundación da Asociación Cívico-Cultural Xiria, da que foi un activo membro, e na súa adega de Cimadevila acolleu a numerosos grupos de teatro participantes na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo. Dende mozo participou na vida cultural e política galega e na actividade de resistencia ao franquismo. Como escritor de contos, as persoas que tiveron a ocasión de escoitalo coinciden en resaltar a súa arte na narración oral. Os seus relatos fóronse espallando moitas veces na súa propia voz ou contados por outros narradores. Un deses contos, ‘O doutor Salgado e o lobo’, foi así retomado por Manuel Rivas dentro da súa novela ‘Os libros arden mal’. Agora, a editorial Laiovento acaba de publicar, dentro da súa colección ‘Cadernos’ unha escolma dos contos de Enríquez.

Te puede interesar