Provincia

Casi 200 mozos asisten a un encontro en Manzaneda

É unha iniciativa da Xunta de Galicia que consiste nunha rede de mozos que de maneira voluntaria se encargan de informar aos seus compañeiros de aula

Un total de 190 mozos participan esta fin de semana nun encontro de Correspondentes Xuvenís na estación de esquí de Cabeza de Manzaneda. É unha iniciativa da Xunta de Galicia que consiste nunha rede de mozos que de maneira voluntaria se encargan de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos sobre convocatorias, recursos e programas xuvenís que poidan ser do seu interese. 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, visitou onte aos mozos de idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos que participan nesta convivencia que rematará hoxe. 

Ademais de facer promoción e dar a coñecer actividades e información de interese xuvenil, Rey Varela apuntou que o programa Correspondentes 3.0 “tamén é unha ferramenta que permite potenciar as habilidades comunicativas e sociais dos participantes; favorece a asunción temperá de responsabilidades e transmite valores como a solidariedade, a participación entre iguais e o liderado”. 

Os participantes realizan dinámicas de grupo para coñecer as valoracións que fan os distintos “correspondentes” da súa acción voluntaria como “antenas” de información xuvenil dos seus respectivos centros educativos; e se lles proporcionan ferramentas para mellorar a súa labor neste campo. Así mesmo, os mozos tamén gozaron das actividades propias da estación de esquí.

O programa Correspondentes Xuvenís 3.0 pretende contar cunha antena informativa en cada centro educativo, que se responsabilice de recoller a información en materia de xuventude enviada dende a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e dende a Oficina Municipal de Información Xuvenil da súa localidade para difundila entre o alumnado. n

Te puede interesar