Veciños e políticos loubaron a súa traxectoria, pola que recibiu o título de 'Fillo predilecto'

Cenlle homenaxea o mestre e ex alcalde García Montero

Manuel García Montero, emocionado, na primeira fila xunto a Xosé Manuel Baltar. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
O colexio público de Cenlle acolleu na tarde de onte unha emocionada homenaxe a Manuel García Montero, que foi mestre e director do centro escolar ademais de alcalde do municipio durante catro décadas. As instalacións do colexio estiveron abarrotadas con veciños das diferentes parroquias e os concelleiros da Corporación, co seu rexedor actual, Gabriel Alén, á fronte.
Foi precisamente iste, que foi alumno do homenaxeado, quen deu lectura ó acordo plenario do 1 de abril deste ano polo que se nomeu a García Montero como 'Fillo predilecto' de Cenlle, entregándolle a continuación o diploma co título e impoñéndolle unha insignia de distinción. O ex alcalde estivo arroupado polos seus compañeiros do Partido Popular, en especial do presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o seu pai e antecesor, José Luis, deputados, senadores e outros rexedores e concelleiros da comarca do Ribeiro e da provincia.

Tamén acudiu á homenaxe o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quen manifestou o seu agradecemento á comunidade educativa do colexio de Cenlle e a 'todas as mestras e mestres do rural galego que con tanto esforzo traballaron e traballan para procurar a formación das galegas e galegos, educadores en valores que permanecen nun agarimoso recuncho da nosa memoria'. O conselleiro tamén resaltou o compromiso do homenaxeado co seu municipio, sendo 'un alcalde que viviu máis de corenta anos por e para o seu pobo'.

Pola súa banda, Manuel García, que cumprirá no vindeiro maio 75 anos, lembrou os seus comezos como profesor e logo, director, do colexio, cun especial e emotivo recordo da súa esposa, Carmen García Carrasco, que precisamente dá nome ó centro educativo. Asegurou ter traballado por educar ós seus alumnos 'e sempre estar ó lado dos meus veciños'. Tamén fixo un apartado no seu discurso para agradecer o apoio destes durante o seu paso pola alcaldía e como fundador e presidente do Club Deportivo Cenlle de fútbol, nunha intervención que recibiu o aplauso dos asistentes.

García Montero foi alcalde de Cenlle durante 42 anos, e exerceu o seu labor docente no colexio de Cenlle desde 1966 ata a súa xubilación en 2002. Na actualidade, é presidente da Cooperativa Vitivinícola Viña Costeira do Ribeiro e secretario do Consello Rector da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA).

Te puede interesar