A familia descubriu unha placa na súa memoria no Parque Infantil, onde estivo o seu centro de ensino

A cidade rende unha homenaxe ó educador Vicente Bóveda, un dos seus fillos predilectos

O educador Vicente Bóveda recibiu onte a homenaxe de tódolos ourensáns cun acto no que a súa familia recibiu o título, póstumo, de fillo predilecto da cidade e se descubriu unha placa na súa lembranza no Parque Infantil.
O Concello rendeu onte homenaxe a un dos seus fillos predilectos, Vicente Bóveda, ‘unha persoa sabia, estudosa e rigurosamente posta ó día’. Un recoñecemento que, como lembraba onte o alcalde, Francisco Rodríguez, xurdiu ‘da lembranza e o afecto dos seus discípulos’, algúns dos cales acudieron á homenaxe, xunto coa irmá e o sobriño do homenaxeado.

Porque Vicente Bóveda, irmán doutro ilustre ourensán, Alexandre, deixou ós seus alumnos ‘unha lección moito máis importante: a dos valores, o libre pensamento e a tolerancia’, engadiu Rodríguez. O seu sobriño, José Luis Bóveda, lembrábao como un opositor ‘pertinaz’ ó réxime de Franco e unha persoa que ‘fixo un traballo interesantísimo en Ourense xunto a profesores que tamén eran represaliados’.

No acto no salón de plenos -ó que faltaron varios concelleiros-, a responsable de Cultura, Isabel Pérez, leu o expediente de honra e a familia recibiu o pergameo co título póstumo de fillo adoptivo da cidade. Despois, na Alameda do Cruceiro (Parque Infantil), descubriuse unha placa en lembranza do homenaxeado, xa que era alí onde estaba o Centro de Ensinanza Bóveda, que dirixiu Vicente nos anos 40, 50 e 60 do pasado século XX. Unha academia que, segundo o sobriño, chegou a converterse ‘en pouco máis que unha oficina de emprego, xa que aparte de formar homes e mulleres, deu moitos traballos’. A irmá do home naxeado, Pilar Bóveda, agradeceu tamén o recoñecemento.

Vicente Bóveda Iglesias naceu en 1905 na cidade. O seu labor como educador, recoñecido onte, incluiu a dirección da escola ‘Hermanos Villar’, entre 1932 e 1940. Nel e no Centro de Ensinanza Bóveda, formou a centos de ourensáns en diversas materias.



Te puede interesar